Opinión

Empoderamento enerxético

Os beneficios das eléctricas ou das grandes empresas poñen de manifesto quen está tirando proveito deste contexto de inestabilidade.

A escalada dos prezos é a cara máis visíbel dunha crise que ameaza sectores estratéxicos da economía, agranda as desigualdades sociais e acrecenta a exclusión de amplas capas da poboación que sofren o incremento até límites insostíbeis dos alimentos, da enerxía, dos combustíbeis ou dos transportes. Na práctica, o que está acontecendo é unha xigantesca expropiación de rendas e de aforros, que sofren dunha maneira intensiva e continuada a clase traballadora, autónomos e pemes.

Un crecemento de prezos en cifras de récord que se explica por unha multiplicidade de factores, que se vén xestando desde fai máis de un ano, e que polo tanto non se pode atribuír de maneira principal á guerra na Ucraína. Máis alá de causas concretas e medíbeis, no fondo desta crise hai unha forte compoñente especulativa que se pode resumir nunha frase feita: “a río revolto, ganancia de pescadores”.

Efectivamente, as cifras de beneficios das eléctricas ou das grandes empresas do IBEX poñen de manifesto quen está tirando proveito deste contexto de inestabilidade e incertidume, e quen está pagando de novo a factura. No ano 2021 as tres grandes compañías eléctricas (Endesa, Iberdrola e Naturgy) sumaron a astronómica cifra de 6.600 millóns de euros de ganancias. Os beneficios das grandes empresas do IBEX ascenderon no mesmo ano á escandalosa cantidade de 64.000 millóns de euros.

Un dos elementos chave do grande festín capitalista e da descontrolada suba de prezos é o sistema enerxético, xa que o prezo da enerxía repercute directamente en todos os sectores da economía e no gasto dos fogares. Os prezos da electricidade, dos carburantes ou do gas, inflados artificialmente, ameazan con romper todas as costuras do sistema. Coa maior parte da poboación anestesiada polo impacto da crise e atemorizada por un futuro incerto, as condicións son propicias tanto para o medre de discursos populistas e xenófobos como para políticas públicas que volvan poñer en corentena dereitos sociais e liberdades públicas.

Desde o punto de vista de Galiza e do nacionalismo, o contexto debería favorecer un debate de fondo sobre o necesario cambio de modelo económico e social. E no inmediato debería dar pé a unha intensa axenda social e política en defensa dos intereses do país e da maioría social agredida por un sistema cruel e inxusto.

Un dos elementos centrais da iniciativa política debe ser a proposta dun novo modelo enerxético: público, autocentrado, social e xusto. Unha proposta baseada na intervención e participación pública, coa creación dunha compañía eléctrica galega e coa defensa dunha tarifa eléctrica diferenciada que permita compensar a nosa condición de país excedentario na produción de electricidade.

Sen lugar a dúbidas, o panorama de electrificación da economía, dos fogares e do transporte obriga a planificar o desenvolvemento a medio prazo das enerxías renovábeis, con criterios de retorno, sustentabilidade e xustiza social, así como unha estratexia arredor do almacenamento de enerxía, na liña das propostas formuladas polo colectivo Bidán. Sen esquecer a iniciativa arredor da eficiencia e aforro enerxético, na que é moi ampla a marxe de mellora.

Nunha escala máis humana e social, é prioritario desenvolver o amplo potencial das comunidades enerxéticas locais, en tanto que fórmula de empoderamento cidadán en relación coa enerxía. Aquí está case todo por facer, tanto no desenvolvemento do marco legal como no impulso de proxectos promovidos por concellos, por entidades sociais, ou por ambos. As comunidades de montes veciñais deberían ter moito que dicir a este respecto, para o que resulta imprescindíbel o seu recoñecemento legal como axentes centrais do proceso.

Produción e consumo de proximidade, redes distribuídas, comunidades locais de enerxía, empoderamento social, aproveitamento racional dos recursos naturais son grandes retos de país para avanzar na construción doutro modelo enerxético, que faga posíbel a socialización e democratización dun ben básico para a prosperidade colectiva.

Comentarios