Opinión

Atraco na AP9

O expolio da AP9 é un exemplo de manual da extracción de recursos do país por parte de empresas transnacionais, que contan coa complicidade dos gobernos de turno no Estado e coa permisividade da Xunta de Galiza. Un xeito de proceder que se repite en sectores estratéxicos da nosa economía como o enerxético, o forestal ou o mineiro, nos que por certo a administración Feixóo aprobou nos últimos tempos modificacións normativas que teñen como finalidade achandar o camiño e incrementar o lucro. Máis alá dos impactos negativos que deixan no territorio e no ambiente, alén dos suculentos negocios que realizan, o agravio aumenta polo feito de estas empresas teren o enderezo fiscal fóra do país e pagaren alá os impostos. 

As novas recentes sobre os cambios na propiedade da AP9 poñen o acento sobre o control desta infraestrutura vital por parte de fondos de investimento estranxeiros

 

As novas recentes sobre os cambios na propiedade da AP9 poñen o acento sobre o control desta infraestrutura vital por parte de fondos de investimento estranxeiros. Sexa Globalvía o novo dono, sexa a alianza do Capital Corsario e o fondo de pensións holandés APG, a realidade é que o negocio da autoestrada estará en mans de fondos especulativos, que seguirán consumando o atraco legalizado das peaxes abusivas. Todo isto co silencio cómplice da Xunta de Galiza e do Ministerio de Fomento.

A historia da AP9 é a crónica da estafa, do agravio, do roubo, do expolio. Un negocio que rende arredor de 150 millóns de euros ao ano a AUDASA (perto de 50 millóns de beneficio neto) grazas ao trato de favor que a concesionaria ten por parte da administración galega e estatal. A ampliación da concesión ate 2048, as escandalosas subas das peaxes, o pelotazo da ampliación da ponte de Rande, a pervivencia de privilexios franquistas como a bonificación do 95% do IBI son probas evidentes da connivencia de gobernosdunha e outra cor coa estafa continuada. Como tamén o é  permisividade a respecto do mal servizo que presta a concesionaria e a negativa a abrir expedientes sancionadores ou a realizar unha auditoría.

Chegados a este punto, non hai outra saída que dicir basta. É unha cuestión de xustiza, de dignidade e de exercicio do autogoberno: esixir a transferencia desta infraestrutura e a súa nacionalización para poñer fin ao expolio e conseguir unha AP galega e libre das abusivas peaxes.

Comentarios