Opinión

Comunismo e Nazismo no Parlamento Europeo

O Parlamento Europeo aprobou, con data de 19 de setembro, unha resolución sobre memoria histórica europea que, polo seu forte contido ideolóxico, debe ser obxecto dunha profunda análise que nestas liñas tratarei de sintetizar.

De forma xenérica, podemos afirmar rotundamente que esta resolución compara a ideoloxía nazi e a ideoloxía comunista e condena ambas, o cal nos leva ao suposto de estarmos ante un texto absolutamente analfabeto en termos políticos ou ben, pola contra, voluntariamente capcioso e malintencionado. Penso que ante esta disxuntiva, e perante a situación política que estamos a vivir na Europa, a segunda opción é a máis acertada e, atreveríame a dicir, preocupante.

Digo analfabeto ou malintencionado porque calquera persoa minimamente documentada na historia e concepto das ideoloxías entende que a comparativa entre comunismo e nazismo non ten lugar e carece de sentido lóxico. Mentres que a ideoloxía comunista ten a súa orixe, segundo as palabras do profesor da Universidade de Oviedo José María Laso, nun “ideal político e proxecto de organización social” na que se pretende a consecución dunha sociedade “sen explotadores nin explotados”; ou segundo a Real Academia Galega trátase dunha “doutrina económica, política e social que aspira á eliminación do sistema capitalista e a superación da loita de clases, propugnando a propiedade colectiva dos medios de produción e a xustiza social”; o fascismo é definido por este mesmo medio como a “doutrina política e social do partido fundado por Hitler en Alemaña, que ten como principios a defensa do poder absoluto do Estado, o imperialismo e o racismo”. A diferencia é notable, máis aínda podemos ir máis alá. Mentres que a obra que sustenta a ideoloxía nazi, o Mein Kampf de Adolf Hitler, mantén un discurso no que subxace una violencia e represión moi palmaria; non sucede o mesmo cas obras de cabeceira da ideoloxía comunista, xa sexa nos Principios do Comunismo de Engels ou no Manifesto do Partido Comunista de Karl Marx.

Visto o anterior, non semella moi axeitado criminalizar o comunismo polos excesos ou deformacións que puidera sufrir o mesmo nun determinado momento da historia, pois á vista está que a súa orixe non é, en modo algún violenta, lesiva ou xenocida, como si o é dende a súa orixe o nazismo, que bebe das fontes do fascismo que violentou toda europa durante o século XX con ditaduras sanguinarias que non son mencionadas na resolución do Parlamento Europeo.

Semella máis ben que na Unión Europea hai unha clara tendencia e vontade de neutralizar toda disensión co modelo político, económico, social, lingüístico ou cultural establecido. Pode que o comunismo ou o socialismo foran unha solución aos crecentes problemas da Europa actual e a forma de librarse da súa propagación fora o descrédito a través das calumnias vertidas en textos infames como o que aquí estamos a tratar.

Nunha Europa ameazada polo pantasma da extrema dereita e o fascismo, resolucións coma esta non deixan de nos provocar un fondo desacougo.

Comentarios