Opinión

A profesora feminista

Ser profe feminista non é doado. A responsabilidade multiplícase, non por dous, senón ata o infinito. Vas ter ante ti unha clase de mozas e mozos que pode que nunca escoitaran falar de Beauvoir, ou que nunca oíran falar do teito de cristal. Vas ser ti quen lla presente, tamén a Kent, a Campoamor. Quen lle poña nome a realidades inxustas que pesan sobre nós cada día, e xa se sabe que o que non se nomea non existe. Vas ser ti a que terá que estar á altura das palabras de tantas pioneiras sen as que hoxe non serías feminista, nin tampouco, docente. E sen as que dende logo, serías moito menos libre.

Míraste no espello, dubidando se a camiseta feminista é axeitada para ir á clase. Convénceste de que si, hai símbolos que sempre cómpre reivindicar.

Defender a igualdade non pode ser adoutrinamento, repíteste. Se nos prohiben manifestarnos, que a manifestación nos acompañe.

Lembras a primeira profesora que che falou do teito de igualdade, o sorriso estúpido que se debuxou na túa cara, o pensamento de que iso eran cousas do pasado e a pretendida superioridade infantil coa que quererías asegurar, que a ti, iso, non che pasaba. Bendita incauta ignorante, hai que ver que rápido cobrarían sentido aquelas palabras.

Lémbrala e veste a ti no mesmo papel. Nomeando realidades novas que talvez o teu alumnado non queira escoitar: chan pegañento, espellismo da igualdade, fenda salarial. Non esperes agradar, de entrada, o feminismo non o fai. Pon negro sobre branco verdades incómodas que preferimos ignorar.

Incomoda, como unha pregunta impertinente, como as contradicións que asumes, cuestiona á túa forma de ver o mundo, ás túas propias eleccións e os teus principios. Cuestiona o que te rodea, o máis íntimo, as relacións de parella, as amizades, a familia. Demasiadas dúbidas para a sobreactuada seguridade adolescente.

A clase comeza. Das revoltas nas industrias téxtiles norteamericanas e as cigarreiras na Coruña, pasas aos inicios do movemento socialista de mulleres, o sufraxismo, o debate acerca do voto feminino en España, a Declaración de Dereitos Universais, a terceira ola, o persoal é político, a folga feminista en 2018.

150 anos de loitas de mulleres condensadas en menos de 30 minutos. Vas en hora.

E ao fin, a pregunta, pero, os homes e as mulleres non somos iguais xa? Estaba previsto, sacas os datos. Espellismo da igualdade se chama. Fixádevos que as mulleres seguimos cobrando un 20% menos, que o 23% das mulleres se ocupa dos coidados, fronte a un 6% de homes, que asumimos máis do dobre da carga de traballo doméstico, que somos menos do 7% na dirección das empresas do Ibex-35, que só somos un 20% das catedráticas. Que a coidadora, a que limpa, a que ven axudar á casa é sempre ela.

- Pois o meu pai cociña máis que a miña nai.

- Iso pasaba cos meus avós, pero cos meus pais xa non.

- O meu pai non vai deixar o seu traballo para coidarnos.

- Claro que non, porque xa está mamá para iso.

Comentarios