Opinión

O lado correcto da historia ou a banalización permanente do fascismo

Repite mil veces unha mentira e converterase en verdade. A coñecida máxima da propaganda goebbeliana nazi volve estar máis de moda que nunca. Tralo vergoñento inicio da precampaña en Madrid coa declaración da candidata Ayuso de que o fascismo era o lado correcto da historia, as mentiras 
filonazis multiplícanse. 

Primeiro foi Serigne Mbayé, culpable polo visto, de ser negro. Tanto foi así que o anuncio da súa candidatura para as eleccións, foi publicamente sinalado como obxecto de expulsión, sinalado, en definitiva, por ser negro, e como tal, necesariamente ilegal. Unha visión supremacista da nación española que urxe frear.

Foi un aviso. Outro máis. Na confusión, medra o mal, e no lodo, o fascismo esténdese, colle brío e lanza as súas gadoupas contra os colectivos máis vulnerables, neste caso, nenas e nenos que chegaron sós a España. Nenas e nenos que están sós. 269 nenas e nenos que residen en Madrid contra os que os ultras lanzan odio e mentiras.

A súa propia denominación permanente polo acrónimo, tristemente famoso, menas (menores estranxeiros non acompañados) responde a unha estratexia clara de deshumanización e criminalización dun colectivo, insisto, extremadamente vulnerable, e disto tamén, a propaganda nazi sabía bastante. Sinalan, menten e difunden noticias falsas co obxectivo de xerar medo e confusión. 

Non, as nenas e nenos que están sós en España non son delincuentes. Nin cobran prestacións de máis de 4.500€. Son simplemente nenas e nenas, soas, e, como tales, depositarios de dereitos fundamentais universais, é dicir, non dependen do lugar no que nacen, e polo tanto (menos mal!) teñen dereito a protección.

Non hai demasiado tempo sería impensable que unha responsable política soltara publicamente infamias do calibre das escoitadas o pasado mércores no debate electoral. Isto non quere dicir que a extrema dereita non existira en España, pero nin tiñan o poder político que teñen hoxe nin estaban tan empoderados para falar tan claro. Tampouco sería previsible que unha presidenta chamara mantidos ás persoas que precisan alimentos. 

Contra o odio, e as mentiras. Información. 

A chegada de nenas e nenos só a España é unha das caras máis duras dos movementos migratorios. Son nenas e nenos que escapan da pobreza, da exclusión, da violencia e da falta de oportunidades. Son, moitas veces, fillas e fillos de familias numerosas que precisan recursos. Nenas e nenos en situación de extrema vulnerabilidade pola súa condición de menores, estranxeiros e sen vínculos familiares no país no que chegan. 

Moitas veces traen consigo historias de violacións dos dereitos humanos, dificultades co idioma e co nivel educativo de base que complican a súa axeitada integración educativa. Nenas e nenos tutelados polas comunidades autónomas, é dicir, son nenas e nenos que están baixo a nosa responsabilidade.

Precisan protección, precisan recursos, e precisan firmeza dos demócratas contra o fascismo.

Comentarios