Opinión

Despedir a unha amiga

Hai amores eternos. Amizades imborrables que non se miden en anos, horas nin minutos. Mídense en intres de felicidade, complicidades silenciosas e agarimos. Tan profundas como a dor que deixan na súa ausencia.

Cleo chegou á miña vida hai catorce anos. Foi a miña primeira cadela, e iso, como o primeiro amor, marca. Fíxoo nunha fría mañá de decembro, apenas encetado o segundo curso de Políticas. Chegou, como case todas as cousas que merecen a pena, de forma inesperada. Unha cadeliña pequeneira e esfameada pola que ninguén daba un peso.

Lembro ben a cara de preocupación da miña bisavoa ao vela, asustada, sosténdose con dificultade sobre as súas patas de arame. Non sei se será nada, sentenciou, unha forma de dicirme, non te encariñes con ela, que logo morre. Eu non quixen crela, e como boa atea, recei todo canto puiden para que Cleo saíra adiante. E así, entre pregarias varias e visitas reiteradas á clínica veterinaria nas súas primeiras semanas de vida, contra todo prognóstico, Cleo tivo unha vida longa e penso eu, que boa e feliz.

Morreu como viviu, é dicir, a súa, foi como a que todas desexamos, unha morte tranquila e rodeada de amor. Sen longas enfermidades, sen ruído. Cumpriu o seu ciclo e marchou.

Fíxoo nos meus brazos, na nosa casa, mentres eu finxía a valentía necesaria para acompañala. Finxir ata que se faga realidade, retumbaba na miña cabeza, á vez que me asaltaban imaxes de despedidas pasadas e futuras en frías salas de hospital. Alí tamén, finxindo. Alí tamén, asustada.

O amor, como as despedidas, esixe unha aprendizaxe permanente. Unha carreira de fondo para a que nunca estaremos preparadas. Un espazo descoñecido onde buscar sempre as palabras precisas. Onde tratar de condensar en caracteres a inconmensurabilidade dos nosos sentimentos. Cleo foi unha boa mestra. Precisamente, sen palabras. Dando todo a cambio de nada. Regalando amor e felicidade. Querendo a cada quen como o que era, polo que era. Demostrándonos que a felicidade está sempre nas cousas pequenas.

Hai quen podería dicir que era só unha cadela. Pobres! Ela ben podería afirmar que nós só eramos humanos.

Comentarios