martes 24/11/20

Saúde sexual e responsabilidade compartida

Asexualidade e a reprodución son dúas esferas que están intimamente vinculadas á dignidade e ao libre desenvolvemento das persoas, determinan o estado de saúde e o grao de benestar individual e social de mulleres e homes, e son obxecto de protección a través dos dereitos humanos fundamentais recoñecidos pola comunidade internacional; no caso español, son tratados na Ley Orgánica 2/2010 de salud sexual y reproductiva y de la interrupción voluntaria del embarazo. 

Para unha boa saúde sexual e reprodutiva precisamos relacións igualitarias entre mulleres e homes, baseadas no respecto, no consentimento mutuo e na responsabilidade compartida. Iso implica que as persoas decidan sobre o método anticonceptivo máis acaído ás súas necesidades, coa información e o asesoramento axeitado. Así mesmo, deberíase incorporar ao currículo escolar unha educación sexual exenta de prexuízos e de estereotipos sexistas, non moralizante e apoiada en coñecementos científicos. Por último, son indispensables servizos socio-sanitarios públicos de calidade nos que se preste unha atención integral en saúde sexual e reprodutiva, que cumpran o criterio de universalidade no acceso.

Porén, a realidade é outra: non se imparte educación sexual nas escolas e na sanidade pública, onde non sempre se asesora coa debida información actualizada e con visión de xénero, tampouco se cobren os gastos de todos os métodos anticonceptivos. Pero a maior eiva está, ao meu parecer, na ausencia de relacións igualitarias entre mulleres e homes, feito que leva de seu a falta de responsabilidade compartida no control da natalidade.

Algo desta preocupación feminina e desa despreocupación masculina está máis presente do desexable nas relacións adultas e na sociedade en xeral. As mulleres son as que pasan maior angustia por posibles embarazos, as que teiman no uso do preservativo, as que sofren os efectos secundarios dos anticonceptivos hormonais, as que, no caso de embarazos non desexados, deben decidir abortar, e unha longa lista de etcétera relacionadas coa reprodución e a saúde.

A poboación masculina heterosexual debería, como primeiro paso, asumir que a metade da responsabilidade con respecto á contracepción é súa e que ademais dos preservativos existen outros métodos fiables como a vasectomía, unha sinxela intervención cirúrxica que, realizada con anestesia local, consiste na ligadura dos deferentes para evitar a saída dos espermatozoides que causan o embarazo. A vasectomía ou esterilización masculina, ten unha efectividade moi alta, case un 100%, e tamén pode ser reversible, situación que apenas adoita se producir.

A vasectomía non estivo permitida en España ata os anos 70 e desde entón non parou de medrar o número de intervencións realizadas, situándose entre os 6 estados con máis casos (no ano 2000, máis de cen mil). Nas dúas últimas décadas houbo un nidio cambio de tendencia, pois de ser a ligadura de trompas nas mulleres o terceiro método máis empregado tras o uso do preservativo e da píldora, pasou a ocupar este lugar a vasectomía, reflectindo deste xeito un crecemento da corresponsabilidade na parella e unha maior sensibilidade cara á muller e o coidado do seu corpo. A ligadura de trompas é unha intervención cirúrxica máis agresiva e complexa que unha vasectomía; se a isto engadimos que a esterilización masculina é asumida pola sanidade pública e non ten efectos secundarios, debería estar máis estendida entre a poboación, xa que despois dos preservativos aínda é moi grande o consumo de píldoras hormonais entre as mulleres.

A que pode deberse esta situación? Podemos falar de certos protocolos patriarcais aínda vixentes na sanidade (é moi difícil que se realice unha vasectomía a un home sen ter algún fillo ou filla), de actitudes machistas nas parellas (a reprodución é cousa do corpo das mulleres) e tamén de falsos mitos relacionados coa virilidade.

Entre todas e todos debemos mover esa pesada cortina que protexe aos homes das súas responsabilidades anticonceptivas e lembrar que non sempre o corpo da muller é o que debe ser intervido, cortado, medicado ou manipulado.

Saúde sexual e responsabilidade compartida
comentarios