Opinión

É posible un feminismo islámico?

Os países de maioría musulmá constitúen a Organización para a Cooperación Islámica. Son 57 e teñen a súa propia Declaración dos Dereitos Humanos no Islam (1990), xa que non aceptan a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, redactada por Nacións Unidas en 1948. Na primeira cláusula sinala que toda a humanidade somos servos de Deus, excluíndo deste xeito ás persoas non crentes e, como considera a Sharia ou Lei islámica como fonte principal, con respecto á situación da muller atopamos unha diminución de dereitos, a prol da superioridade dos varóns: o home é o cabeza de familia, responsable da economía; pode ter ata catro esposas, ás que pode repudiar ou divorciarse delas en calquera intre, quedando coa tutela dos fillos ao cumprir os dous anos e das fillas, aos sete; eles herdan o dobre que as mulleres e o seu testemuño ten dupla validez que o delas... Uns países aplican estas normas máis que outros; entre os que introduciron algúns avances está Tunisia, onde se permite o aborto antes de que o feto teña 24 semanas, sen necesidade de xustificar a decisión, ou Marrocos, coas reformas realizadas na "Mudawana" ou Código de familia (2004), que recoñece a corresponsabilidade na familia, o dereito da muller á tutela das crianzas ou a idade de 18 anos para contraer matrimonio.

En Europa non atopamos moitos homes feministas, pero no mundo árabe-musulmán houbo e hainos que denuncian as condicións de vida das mulleres

Do estudo dos textos do Corán e da Sunna (os "hadices" ou ensinanzas do Profeta Mahoma), o escritor Whaleed Saleh pretende demostrar na súa última obra que feminismo e islam están en planos distintos e son incompatibles, pois considera que aquel vén sendo unha fe, unha crenza, mentres que o feminismo é un movemento civil laico e emancipador das mulleres. Así, en Feminismo e islam. Una ecuación imposible (2022), Saleh impugna o denominado feminismo islámico, pon de manifesto o xeito en que a influencia do Corán nas leis dificulta a construción de sociedades igualitarias, revela a misoxinia dalgunhas "fetuas" (ditames legais) e advirte dos perigos que carrexa o relativismo cultural.

Orixinario de Iraq, Saleh (1951) é doutor en Estudios Árabes e Islámicos e grande coñecedor do islam político. Docente no seu país ata o ano 1978, en que por razóns políticas tivo que se exiliar, exerceu logo en Marrocos e desde 1984 traballa na Universidad Autónoma e reside en Madrid. Entre os seus libros, compre salientar Librepensamiento e Islam (2016), onde defende separar a relixión da creación literaria e artística.

Desde a revolución islámica de Irán e a chegada ao poder dos Irmáns Musulmáns en Exipto todo comezou a mudar e a vestimenta da muller é un indicador relevante da perda dos seus dereitos

En Europa non atopamos moitos homes feministas como Saleh, pero no mundo árabe-musulmán houbo e hainos que denuncian as condicións de vida das mulleres, as leis discriminatorias e o menoscabo dos seus dereitos, malia ser considerados quintacolumnistas, apóstatas ou renegados: desde o exipcio Qasim Amin, que no 1899 escribiu La liberación de la mujer egipcia, ao iraquí Al Zahawi e o tunesino Tahar Haddad, entre outros.    

Desde a revolución islámica de Irán (1979) e a chegada ao poder dos Irmáns Musulmáns en Exipto, todo comezou a mudar e a vestimenta da muller é un indicador relevante da perda dos seus dereitos. Antes de 1979, as mulleres de países árabes e musulmáns xuntaban as súas reclamacións coas mulleres de todo o mundo, fora do marco da fe, como as libanesas Hind Nawfa e Anissa Najjar ou a palestina May Ziade. Esta tendencia continuou con activistas como Nawal Saadawi en Exipto e Wassyla Tamzali en Alxeria e na actualidade coas escritoras Najat el Hachmi, Mimunt Hamido ou Zoubida Boughaba.

O termo 'Feminismo islámico' foi empregado por vez primeira nos anos 90 por parte dalgunhas investigadoras iranianas na revista Zanan (Mujeres) de Teherán. Segundo algúns analistas, este movemento xurde por varias razóns: a escolarización feminina e o desenvolvemento cultural en moitos países musulmáns, o medre das correntes islamistas, o desexo de marxinar a grupos radicais como Al Qaeda ou os talibáns e a intención dalgúns gobernos de sumarse na aparencia á modernidade. Xustifican a súa existencia no nome da interculturalidade, da pluralidade, do relativismo cultural e apoian a idea de que as costumes e as tradicións hai que respectalas. Ata onde?

Comentarios