Opinión

Musas ou vítimas?

As Musas, personaxes da mitoloxía grega que habitaban no Parnaso, eran divindades inspiradoras das artes e cada unha estaba relacionada cunha rama artística. Baixaban á terra para inspirar os mortais que as invocaban. Eran adoradas e foron de vital importancia para o desenvolvemento artístico da antiga Grecia. De grande relevancia foron tamén algunhas coñecidas (ou non tanto) mulleres no éxito artístico dos homes (compañeiro ou amante; mais tamén, pai ou irmán) que tiñan ao seu carón, pero apenas se lles permitiu desenvolver as propias calidades como artistas e remataron esquecidas, menosprezadas e, ás veces, mortas prematuramente ou ingresadas en centros de reclusión diversos. 

Velaí algúns casos. A escritora Zenobia Camprubí, casada co poeta Juan Ramón Jiménez, foi unha muller de ampla cultura e a primeira tradutora das obras de Rabindranath Tagore ao castelán. Dedicou a súa vida a atender a Juan Ramón, home con trastornos depresivo-meláncólicos, de comportamentos excéntricos, internado en varias ocasións en centros hospitalarios e incapaz de resolver os problemas da vida cotiá. Ela atendía as necesidades económicas da parella. Estivo á fronte de pequenos negocios que compensaran estas necesidades do matrimonio, amainou o ánimo do seu marido, alentou a súa pluma e preparou unha saída digna de España tras o estoupido da Guerra Civil. Traballaba todos os días con el, pasándolle o escrito a máquina, levando o seu arquivo e as publicacións. Preparou a candidatura do seu marido ao Premio Nobel de Literatura, concedido en 1956, o mesmo ano da súa morte como consecuencia dun cancro.

Jeanne Hébuterne coñeceu a través do seu irmán, o pintor André Hébuterne, os artistas de Montparnase e comezou a estudar pintura nunha academia, pois tiña moitas habilidades. Alí coincidiu co pintor Modigliani. Dotada dunha fermosura especial, era unha rapaza amable, tímida, tranquila e delicada, que se converteu no tema principal da obra do italiano. Con 18 anos foi vivir ao estudio de Modigliani en Montparnasse e logo a Niza. En 1920 el morre tuberculoso aos 35 anos. Dous días despois, embarazada dunha segunda crianza aos 21 anos, ela suicidouse en París tirándose por una ventá. Jeanne morreu silenciada e só unha década despois foi soterrada co seu amante no cemiterio de Père-Lachaise: "Compañeira devota ata o sacrificio extremo" foi o epitafio. Tiveron que pasar tres décadas para que as súas obras foran coñecidas publicamente e só no ano 2000 se exhibiron nunha exposición en Venecia a carón das pinturas de Modigliani.

Traballaba todos os días con el, pasándolle o escrito a máquina, levando o seu arquivo e as publicacións

A brillante escultora Camille Claudel, foi amante e colaboradora do seu mestre, o escultor Auguste Rodin, co que tivo unha tormentosa relación amorosa. A separación definitiva de Rodin, ficou reflectida na espléndida escultura "A idade madura", mais tamén carrexou consecuencias moi duras para Camille. Mentres as súas obras atinxían certo éxito e aparecían en revistas de arte, ela, nunha creba emocional, pechouse no seu obradoiro e deixou de realizar exposicións. Máis tarde, as crises nerviosas foron a máis e comezou a destruír as súas obras, vivindo na miseria. A partir de 1913 foi internada en diferentes centros psiquiátricos nos que pasará 30 anos sen apenas recibir visitas, e de onde, malia súa recuperación, endexamais sairía. Hoxe, tan sequera ten una tumba onde poder visitala. 

A filla do escritor James Joyce, Lucía, foi unha destacada bailarina profesional que mereceu recibir clases de Isadora Duncan. Para Joyce, Lucía era os seus ollos, había unha relación edípica entre os dous e inspirou a súa última e controvertida obra Finnegans Wake. Tras unha fracasada relación co escritor Samuel Becket, de quen dixo que carecía de sentimentos humanos, Lucía Joyce comezou a ter problemas mentais; asemade, o pai egocéntrico, a nai abandonada e celosa da súa filla e o diagnóstico de esquizofrenia, sepultarán a Lucía en hospitais a metade da súa vida. Stephen Joyce, neto e herdeiro do escritor irlandés, mandou destruír toda a correspondencia coa súa filla, deixándonos sen o legado de Lucía. 

Velaí o elevado prezo de ser Musa.

Comentarios