sábado 06/03/21

Adolescentes en perigo

Arrepía ler unha nova como a que publicaban os xornais hai uns días e na que se nos informaba de que mozos de 14 anos compartían vídeos de violacións a bebés e a nenas de dous anos. Houbo 40 detidos, só 6 maiores de idade e algúns ata menores de 14 anos. Todos homes.

En Instagram fixéronse “virais” estes vídeos, que multitude de adolescentes compartían en grupos de amigos de clase en What’sApp.

Non lles sorprende nada, cada vez as imaxes han ser máis agresivas e excitantes. Semella unha sorte de competición onde só se buscan contidos “divertidos e diferentes” e, nalgúns casos, se practica pedofilia xa dende a adolescencia.

O que vemos con frecuencia faise “normal”: isto é o que o que acontece tras o consumo constante de pornografía violenta entre as e os adolescentes. Tómano como unha ficción e non senten remorsos nin culpabilidade por gozar con accións terriblemente duras como decapitacións, violacións ou zoofilia, temas dos vídeos que tiñan nos seus teléfonos moitos dos adolescentes detidos. 

Desde os 8 anos hai nenas e nenos que acceden á pornografía grazas ao teléfono ou tableta que lles regala “inocentemente” algún membro da familia e desde os 14 ou 15 anos sabemos que o consumo é habitual. No seu cuarto, illados do resto da familia, ven pornografía conectados a internet sen ningún tipo de control ou acompañamento de persoas adultas. Benjamín Ballesteros, psicólogo clínico de ANAR, unha organización que defende os dereitos das crianzas e adolescentes en situación de risco, chámao “soidade acompañada”. 

A sexualidade é aínda un tabú, non se fala nas familias como sería desexable e as e os adolescentes atopan polas redes a información que familiares ou docentes deberíamos facilitarlles; achéganse entón a esta necesaria formación pola súa conta, de xeito negativo, separando a sexualidade dos afectos e sen sentido crítico. Teñen moita “información” e pouca “formación”. Así, o “porno” converteuse nun substituto da educación sexual: 3 de cada 10 menores o empregan como fonte de información.

Asumamos como persoas adultas a nosa responsabilidade e poñamos en marcha de maneira urxente esa educación sexual que hoxe precisan 

Qué alternativa a esta situación?: Unha boa educación sexual científica, con visión de xénero, que contemple a diversidade, que fomente as relacións entre iguais e sen prexuízos morais. Unha formación que comece desde idades temperás, con xogos e outras actividades lúdicas, continuando por todas as etapas educativas ate as superiores, onde un estudo realizado recentemente en varios distritos universitarios amósanos conclusións demoledoras.

Asistimos a unha “pornificación” das relacións, onde 9 de cada 10 mozos universitarios cren que a pornografía é fiel á sexualidade real. A pornografía é a súa escola e manteñen unhas relacións sexuais agresivas e violentas en non poucos casos, o que leva a que un 11% das mozas desta investigación recoñezan ter sido vítimas. A relación pornografía e prostitución, tamén acada índices preocupantes: un 5% dos mozos pagaron sexo logo de ver pornografía. Pornografía que consumen 1 de cada 3 mozos e 1 de cada 6 mozas. 
Lluís Ballester, profesor da Universidade de Les Illes Balears fala de “desconexión empática” ou “apagado de conciencia” para explicar estes comportamentos que normalizan a violencia, as condutas vexatorias e que admiten prácticas de risco, mesmo ilegais, sen cuestionalas o máis mínimo. Alerta, pois, coa mocidade porque os devanditos comportamentos son hábitos difíciles de mudar, malia seguir tratamentos de sensibilización para crear empatía e xestionar os sentimentos.

É un mal indicador para unha sociedade que nos últimos tres anos se duplicase o número de denuncias por delitos sexuais, chegando case ás 20.000; destas, 165 foron por violacións múltiples e implicaron a moitas adolescentes vítimas e a moitos adolescentes agresores. Penso que estamos a tocar teito e quero crer que, como algunhas voces autorizadas apuntan, aos poucos vaise poñendo fin á normalización da cultura da violación. Asumamos como persoas adultas a nosa responsabilidade e poñamos en marcha de xeito urxente esa educación sexual que hoxe precisan as e os adolescentes, se non queremos condenalos á desventura.

comentarios