Opinión

Ruxerruxe

Este xoves o diario El País reuniu dous corpos que rexiron o executivo español nunha suma total de 22 anos. Os 14 anos de Felipe González e os 8 de Aznar peiteáronse mutuamente as canas do socialista e a melena ríxida do ex-líder popular, uns acicalados suaves, con algún chiste e sorriso recííproco, dous eternos inimigos que despois do xogo parlamentario e os cruces dialécticos hoxe se ven con ganas de continuar a conversa cunha caña ben tirada e algún cobadazo cómplice, deses que se dan xa os que pasaron polas paredes da Moncloa e brindaron na bodeguilla ou lle deron a pelota na cancha do pádel. Poderíase dicir que foi unha conversa onde para ver cada un mellor o outro empregaron as lentes da Constitución de 1978 e varias palmadas nas costas. Unha España, a do 78, que se entende ben entre os seus fillos e presume de herdanza. Unhas mesmas gafas nas que os netos ou bisnetos xa non teñen as mesmas dioptrías e as cousas vénse algo máis turbias, menos claras.

Nos 40 anos da Constitución hai un acorde lonxano, un movemento que se vai repetindo ao longo de cada acto público, informativo ou privado arredor desta data redonda. Unha foto algo incómoda, como a imaxe aparentemente cándida dunha cea familiar de aniversario onde os fillos e herdeiros están arredor do exemplar pai que os une, un chisco maior e con achaques, e todo o clan ri nunha imaxe na que ese mesmo pai ten xa o sorriso algo quebrado, a mirada desconfiada. 

Dous eternos inimigos que despois do xogo parlamentario e os cruces dialécticos hoxe se ven con ganas de continuar a conversa cunha caña ben tirada

 

Ves a foto de familia enmarcada no salón e dis “aquí pasa algo raro”.

Ese bisbar de fondo é para Aznar síntoma de falta de apego ao pai, a esa Constitución, para Felipe é que cecais hai que falar co pater familias e cambiar algunhas cousas. Dúas visións diferentes arredor de se o patriarca precisa que o deixen tranquilo, coa súa rutina, a súa orde das cousas, ou se igual hai que levalo ao médico para que o revisen e lle fagan unha posta a punto. A dúbida está despexada sobre a propia pervivencia do pai, “máis vixente ca nunca” foi un testimonio conxunto dos dous fillos augustos cunha acertada Soledad Gallego de mediadora.

Ese bisbar de fondo é para Aznar síntoma de falta de apego ao pai, a esa Constitución, para Felipe é que cecais hai que falar co pater familias e cambiar algunhas cousas

 

Catalunya, a organización territorial do Estado, os aforamentos, a invulnerabilidade e exencións da Coroa a respecto dunha xustiza, na teoría, “igual para todos”, todos estes sons cubertos polo terciopelo caro da festa constitucional levan nubrando a celebración duns 40 anos que tiveron coma vídeo representativo e polémico o protagonizado por dous ex-combatentes da Guerra Civil, cada un nun bando distinto, que hoxe falan da familia, do tempo e das cousas mundanas da vida. O recurso do beatus ille ou esa mesma cortina de veludo cobertora do que anda a ocorrer detrás das bambalinas. 

Cecais niso converteron esta Carta Magna, en algo beato, aillado, lonxano no tempo, nun todo segue e debe seguir igual que tenta escapar do inmenso ruído que causa o seu propio inmobilismo. E é que moitos non se dan de conta que non hai nada que faga máis ruído que facer que este non existe. 

Comentarios