Opinión

Nós, Galiza

Foi nos antigos estudos de Radio Valadouro –na Casa do Concello- onde vin por vez primeira un disco de Miro Casabella, tratábase de Ti, Galiza. Confío en que na actualidade se atope arquivado nos actuais estudos radiofónicos -na Casa da Cultura “Manuel Lourenzo”-, arestora soidosos e silandeiros.

Foi nos antigos estudos de Radio Valadouro –na Casa do Concello- onde vin por vez primeira un disco de Miro Casabella, tratábase de Ti, Galiza. Confío en que na actualidade se atope arquivado nos actuais estudos radiofónicos -na Casa da Cultura “Manuel Lourenzo”-, arestora soidosos e silandeiros.

"A obra de Casabella representa para a Cultura galega tanto –se non máis, polo desleixamento sociopolítico de noso-  como a obra de Lluís Llach, de Raimon ou de Maria del Mar Bonet para a Cultura catalá".

Pareceume ben fermoso e rotundo aquel título, por cuestións lingüísticas, por motivos sociais, por circunstancias históricas, e porque sempre é bo momento para falarlle á Nación. 

Coido que non é preciso enumerar as achegas de Miro Casabella á nosa Cultura, e conscientemente emprego o termo Cultura e non un lacónico “eido musical”, pois que non sería de xustiza restrinxir os méritos deste valeco universal. Mais coido que é preciso salientalas.

A obra de Casabella representa para a Cultura galega tanto –se non máis, polo desleixamento sociopolítico de noso-  como a obra de Lluís Llach, de Raimon ou de Maria del Mar Bonet para a Cultura catalá. Non é o traballo do músico valadourés menos significativo para a nosa Cultura có achegado por Mikel Laboa, Benito Lertxundi, Xabier Lete ou Lourdes Iriondo á Cultura vasca.

As semellanzas desdébuxanse se seguimos profundando na análise comparativa, debido aos distintos graos de interese das respectivas institucións nacionais e entidades culturais en preservar e espallar o patrimonio autóctono, mais en ningún caso é culpa do artista en cuestión.

"Exaxero se afirmo que Miro Casabella é o noso Zeca?" 

Exaxero se afirmo que Miro Casabella é o noso Zeca? 

O feito de que tras O meu país non desfilase unha riola de mudanzas como disciplinadamente xurdiron no país irmán aconchegadas a Grândola, Vila Morena hai corenta anos, só denota unha acidia social que cómpre esconxurar, mais non desmerece ren o propósito daquel proxecto patriótico con feitío de canción artellado por Xoán Manuel Casado e o propio Casabella, peza que conserva a vixencia toda na mensaxe e máis nas causas. Non sei se no século XXI unha canción pode mudar un país, mais toda revolución precisa banda sonora, e Nós, Galiza, témola.

Lionel Rexes é membro da Comisión organizadora da homenaxe a Miro Casabella 

Comentarios