Opinión

Educación Familiar ou Social? Novos pasos dunha longa andaina

O que se di, e o que se nomea, sempre importa. Porque o que non se di, o que non se nomea, é invisible a ollos da sociedade. Por iso o nomeamento e recoñecemento dunha profesión no marco normativo, especialmente cando ten un carácter pedagóxico e posibilita a incorporación das persoas á promoción social e cultural, é fundamental. 

Este outono fanse tres décadas do recoñecemento da Educación Social coma diplomatura universitaria. Cada vez son máis as institucións que captan esta realidade e, pouco a pouco, contemplan a titulación de Educación Social (e mesmo a nomenclatura adecuada!) nas súas convocatorias de persoal funcionario ou laboral fixo, OPE ou nas Relacións de Postos de Traballo (RPT). Mais, ás veces, a titulación aparece nomeada doutro xeito, pero mantén a súa esencia: a acción socio-educativa. 

O pasado mes de xullo o BOP publicaba unha convocatoria para a selección por oposición dunha praza de educadora familiar no Concello de Oroso. Se nos preguntamos cal é a diferenza entre Educación Familiar e Educación Social, é que, no fondo da cuestión, non hai. Grosso modo, podemos dicir que é o mesmo, mais entre os dous termos pasou toda unha vida. Ou, cando menos, a activación dunha titulación universitaria coa que hoxe contan máis de 4.000 persoas en toda Galicia e o recoñecemento dunha profesión no marco normativo.

Educación Familiar é o xermolo da Educación Social. As competencias da primeira están integradas na segunda, unha profesión nova e viva, que abrangue un campo de actuación maior, xa que están presentes en todos os ámbitos nos que se poida dar a acción socio-educativa. O termo, desactualizado, continúa en uso por herdanza dos antigos programas de Educación Familiar, nados nos anos 90, cando a titulación universitaria de Educación Social aínda estaba en fase de creación e implementación (a diplomatura cumpre 3 décadas no outono: naceu en 1991). 

A Educación Social é un dereito da cidadanía, pero tamén unha profesión viva, integradora, que se adapta e anticipa ás novas realidades sociais e educativas. Unha profesión que le e xera contextos, que actúa para favorecer as relacións sociais e a promoción cultural, á vez que procura ampliar perspectivas. E, como mediadora, é unha profesión que entende necesario sumar todas as intelixencias para acadar os obxectivos comúns. 

Desde o Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais lembramos que, neste sentido, a Lei de Servizos Sociais é clara en canto á interdisciplinariedade, ao igual que o decreto 99/2012 en canto á dotación de persoal nos equipos de servizos sociais. O marco normativo establece a necesaria actualización dos servizos, acorde á realidade académica e profesional actual, e lembra o papel que (tamén) deben desenvolver as educadoras e educadores sociais nos equipos. 

O obxectivo das distintas profesións do social debe ser favorecer servizos de calidade á cidadanía, cumprindo a merecida interdisciplinariedade que promulgan a normativa, as bases da intervención social e os códigos deontolóxicos. E saudamos que as institucións públicas se sumen á actualización das súas convocatorias e RTP. Son poucas, pero algunha hai. É un novo paso, agora só resta darlle o nome para visualizarlo. Repitan connosco, que somos máis de catro milleiros de voces neste camiñar: Educación Social. 

Comentarios