Opinión

Escola interxeracional

Oprimeiro de xuño comezaba o verán das persoas que, fai da orde de vinte anos, eramos algo máis nenas ou nenos ca agora. Na montaña lucense os horarios nas aulas esténdense ata a tarde case todos os días da semana. Non obstante, no mes de San Xoán, os autobuses e os todoterreo cargábanse, contra as tres da tarde diante da porta da escola, de case cincuenta cariñas desexosas de aterrar na súa casa. E que comprensible era aquel anhelo. Eu baixaba na parada do "Val", do val de Filloval (As Nogais). Miña avoa estaba sempre agardando por meu irmán e por min, metida no seu mandil de cadros (un igualiño ao que leva posto agora mesmo, mentres escribo estas liñas á súa beira baixo a sombra da figueira), departindo sobre o humano e o divino que pasaba dentro do pobo. A lama do camiño estaba seca coa calor da tarde, polo que nos sentiamos libres de baixar ata a casa correndo a canto nos daban os pés. Máis... por moito que eu correse, sempre freaba para atravesar o camiño que levaba á nosa aira. Cheo de cerdeiras, salgueiros e rosas, e enmarcado por dúas hortas, máis de cen cores de verde estoupaban ó paso dos meus pés, mentres a avoa berraba:

- Non corráis! Pasai pra cociña que tedes que merendar antes de ir troulear por eí!

Co tempo aprendo que as miñas lembranzas teñen un valor moito maior cás imaxes que reteño na mente. As palabras son o vehículo máis rápido cara as miñas memorias máis atesouradas. O caso era que comiamos a trote a merenda, co fin de escapar de dentro pra fóra, ou da rutina cara ao descoñecido. Xogabamos a atoparlles figuras ás nubes do trono deitados na cortiña da casa, xogabamos a xuntar ovos con herbas, xogabamos a regar o horto, xogabamos na casiña que tiñamos enriba do remolque de ir á leña, xogabamos ao fútbol cunha portería marcada por estelas de madeira, xogabamos a ir buscar as vacas, xogabamos... ata que os deberes nos metían dentro. Pero en xuño saíannos as contas só con miralas, igual ca os textos ou os problemas. O tempo baixo teito contaba coma tempo de desconto, polo que conviña apuralo. Volviamos saír ata que se vía esa primeira estrela á que hai que desexarlle en voz calada, ou ata que nosa nai nos pedía, do dereito e do revés, que fixeramos o favor de lavarnos e cear. E iso pasaba os luns, pero tamén os martes, e os mércores, e... E todo tempo nos sabía a pouco. Aínda que o meu pensamento está cheo de historias non o está de compañías pra xogar, pero non o digo con pena, se non cun absoluto abraio. Doume conta de que, aínda vivindo nunha pequena vila do rural, meu irmán e eu tivemos tantas oportunidades e experiencias coma calquera crianza da cidade. Soamente hai algo no que vexo unha importante diferenza: no diálogo interxeracional co que sempre convivimos.

Coa fin do curso emítense, dende as escolas, uns boletíns que teñen como fin resumir o nivel de aprendizaxe en cada unha das competencias educativas. Non obstante, dentro destas, parece que adoita permanecer nunha esquiniña con sombra aquela competencia que se refire á intelixencia emocional, concretamente á capacidade para comprender tanto a nosa propia persoa coma as persoas que nos rodean.

Aínda que os fiandóns xa non se practican en Filloval, é habitual atopar xente de dez anos conversando con alguén de sesenta, que está, á súa vez, sentado á sombra a carón dunha persoa de trinta. É habitual que as nenas e nenos formen parte das realidades dos fogares, tanto das experiencias positivas coma daquelas que non o son tanto. Non podo evitar volver preguntarme, agora que se paran os exames e as aulas, se poderemos mellorar a calidade da nosa ensinanza. E, aínda na ausencia dunha resposta concreta, cada vez teño máis claro que un desenvolvemento integral das nenas e dos nenos pasa porque os espazos educativos sexan abertos ás realidades nas que se asentan. A diversidade e a complexidade do mundo non podemos comprendela dende compartimentos illados, enviando as persoas de dez anos á escola e as de oitenta ao asilo. Eu hoxe cuestiónome que pasaría se este verán xogamos a pensar nun centro aberto á súa realidade.

Que pasaría entón nas nosas escolas? E nas nosas comunidades?

Comentarios