domingo 05.07.2020

'Infodemia’: a guerra (informativa) do coronavirus

A rapidez coa que se expandiu a chamada pneumonía de Wuhan (coronavirus COVID-19) puxo ao mundo, a España e a Galiza nunha situación inédita: manexar un risco sanitario a grande escala en tempos da globalización. En efecto, vivir nun mundo altamente conectado en interdependente ten moitas cousas positivas (intercambios, mobilidade, expansión das novidades, difusión da información), pero tamén algunhas negativas. Se cada vez nos movemos máis, máis rápido e máis lonxe, os riscos inherentes a un sistema económico baseado na acumulación e na depredación tamén seguen ese mesmo ritmo.

“A primeira vítima cando chega a guerra é a verdade”, dixo o senador estadounidense Hiram Johnson hai algo máis de cen anos, en 1917 baixo a Gran Guerra. Vinte e cinco anos despois, durante a outra gran contenda do século XX, la II Guerra Mundial, Winston Churchill dixo que “En tempos de guerra a verdade é tan preciosa que debería ser protexida por un gardacostas das mentiras”. Estes dous enunciados lapidarios, moi certos no seu tempo e nos seus respectivos contextos históricos, son perfectamente aplicables hoxe, nesta guerra contra unha epidemia global que ten entre os seus efectos colaterais a propagación dos calotes.

A situación chegou a tal punto que o pasado 2 de febreiro, a Organización Mundial da Saúde (OMS) denominou ao novo coronavirus como unha "infodemia" masiva, en referencia á “sobrecarga de información (tanto certa como falsa) que dificultaba que as persoas atopasen fontes fidedignas e consellos fiables cando os precisaban”. Esta distinción diferencia o coronavirus doutros brotes virais anteriores. Se ben o SARS, o MERS e o Zika causaron medo a nivel global, os temores sobre o coronavirus intensificáronse masivamente nas redes sociais. A desinformación multiplícase a unha velocidade sen precedentes, creando o caldo de cultivo para a incerteza e a histeria que son, á súa vez, alimento para o racismo e os comportamentos xenófobos (tanto presenciais como en liña). Ante un fenómeno desta magnitude, eu como documentalista e como historiadora, acostumada a chegar á cerna das cousas, creo que é importante entender como o noso cerebro procesa a información. Se imos loitar contra un inimigo, hai que estudalo para saber onde atacar.

En orixe, os prexuízos están deseñados para axudar o ser humano a tomar decisións rápidas con escasa información. Isto podía ser útil nos primeiros momentos de desenvolvemento da civilización, nos que o rango de opcións era curto e orientado á supervivencia (fuxir, loitar, buscar alimento). Pero está claro que os tempos actuais, onde a información é un recurso tan abundante que satura, son unha rémora en lugar dunha axuda. Aquí está, ao meu ver, unha das cernas da cuestión. O efecto Dunning-Kruger (así chamado polos dous psicólogos que o estudaron en 1999) ten algo que ver e sigue un ciclo moi concreto. Defínese como un nesgo cognitivo que fai as persoas pensar que saben moito máis do que realmente saben e lles resulta suficiente para sentirse seguras (coñecido como “pico da estupidez”). Só afondando nun tema pode o individuo darse conta de todo o que lle queda por saber (coñecido como “val da desesperación”) porque a medida que coñece máis, é tamén máis consciente do que realmente sabe das súas necesidades (coñecido como “camiño da iluminación”). En definitiva: a menor calidade do coñecemento, menores capacidades cognitivas temos os individuos para ser conscientes de como suplir esas carencias.

Xa que logo, saber informarse (ben) resulta crucial nestes tempos, con ou sen coronavirus. Por iso, escoller fontes fidedignas, seguir as recomendacións das autoridades sanitarias e, sobre todo, pensar dúas veces antes de reenviar datos non confirmados que recibimos por WhatsApp son igual de importantes que lavar as mans. Porque tamén é a nosa responsabilidade non contribuír a expandir esa infodemia que podemos combater cunhas pingas de espírito crítico.

'Infodemia’: a guerra (informativa) do coronavirus
comentarios