Opinión

A prostitución por desconfinar

Estamos a vivir tempos difíciles, duros, moitas voces preguntáronse "¿Quién me ha robado el mes de abril? E seguiulle maio, xuño, xullo… Ata chegar a novembro, a verdade que é duro que che rouben parte da túa vida. Foi duro o confinamento dende a miña posición. Psicoloxicamente foi un estrés non poder ver a familia; as miñas amizades; non ir aos bares a tomar un bo Mencía coma a min me gusta, nin cear e ir de troula; nin encher as rúas coa miña presenza cargada de bolsas ao estilo de Pretty Woman; non ver no cine a última estrea, relaxarme no spa nin ir de vacacións. Analizando ben foi un pesadelo vivilo dende a miña casa con todas as comodidades, non me enchía nada, nin Netflix, nin o móbil, nin a bici estática. Tampouco me relaxaba facer pilates, nin pasear o can... Mercar medio supermercado tampouco me axudaba, nin sequera comprar online e que mo trouxeran á casa, non sei como resistín tanto.

Tampouco me gustaba escoitar ás organizacións de médicos mundiais pedindo a protección sanitaria das mulleres prostituídas e violentadas, da trata de mulleres con fins de explotación sexual, que viron agravadas as súas situacións de exclusión a raíz da pandemia. Mulleres desprotexidas, sen poder acceder ás medidas básicas de protección social nin sanitaria, mulleres que sofren a violencia de xénero máis invisibilizada. Que máis da! Total só son prostitutas. A quen lle importa que existan persoas prostituídas?

Dende o confinamento fomos pasando fases de desescalada ata chegar a “nova normalidade”. Estas mulleres non pasaron por ningunha fase xa que seguen sen ter medidas de protección fronte ao virus, cunha tensa situación socioeconómica que as obriga a seguir prostituíndose. No caso das vítimas de trata os problemas medran xa que canto máis duraba o confinamento, máis aumentaban as débedas cos seus explotadores. Os clubs de estrada e pisos pecharon, pero estas mulleres prostituídas e maltratadas tiñan que seguir pagando os alugueres, polo que o feche era cara á galería. No interior destes antros continuaba a violencia sistemática do patriarcado. Igualmente pasa coas mulleres prostituídas nos polígonos e nas rúas, que tiveron que atender peticións de transportistas e outros prostituidores habituais, traballadores nos polígonos, para poder subsistir á crise da pandemia.

Mentres a sociedade cantaba “Resistiré” e loitaba para frear o coronavirus, estas mulleres seguían resistindo a súa invisibilidade, vivindo na vella normalidade da inexistencia de políticas publicas en recursos económicos, sociais, de formación e emprego para abandonar a situación de prostitución. E non só en tempos da Covid, senón cada día da súa existencia.

Podemos pensar e dicirnos para sentirnos mellor: Eu non son culpable de vivir ben! Dende a miña posición non podo facer nada! Nestes novos tempos de máscaras e hidroxel para acabar co virus, deixémonos de vellas escusas e poñamos fin á invisibilidade destas mulleres con alma, nome, familia e sentimentos. Cando imos situarnos ao seu carón e desconfinalas?

Comentarios