Opinión

Na Galiza

Comprei esta terra sen dicer nen unha palabra. Sen sabelo, rebaixei o prezo dunha casa e dunhas terras nun país do que nunca oíra falar.

Comprei esta terra sen dicer nen unha palabra. Sen sabelo, rebaixei o prezo dunha casa e dunhas terras nun país do que nunca oíra falar. Pensei que me atopaba en España, mais España é unha palabra inglesa. Aprendera a palabra ‘España’ nun libro, mais España é unha palabra para quen crea nela. Mais estoume adiantando. Eu, armado coas poucas palabras españolas que aprendera en cursos acelerados, fiquei ante el sen fala, a miña parella ao meu carón con menos palabras ca min aínda. Entendía a cifra “quince mil”, mais el notou como vacilábamos. Coa cara engurrada de canseira, soltou “trece mil”. Non lle faltaba maña, que xa nos deixara acampar na finca durante unha fin de semana longa, rozando os nosos proprios camiños nesa fraga silente até nos namorar dela. E agora quería que a comprásemos. Trece mil euros é un bo prezo. Non sabía que dicer. Balbucía e ollaba para o Andru, que non facía máis que encoller os ombros. Se cadra o compraríamos por trece mil, se cadra tamén por quince. O que pasa é que nos daba algo comprometernos así sen máis. Procurei as palabras no baleiro, mais non había nada. Arrincáraseme a lingua, secárame a boca. As ferramentas para comunicar con que me criara xa non servían. Co pánico do momento, ese anarquista engurrado e derreado disposto a desfacerse das súas terras precipitouse: “Doce mil”. Abrín a boca mais non saíu nada. El torcía as mans dos nervios e logo, tras unha pausa sen mediar palabra, levantounas cos dedos separados, cada un representando mil euros: dez mil. Atónitos, pechamos o acordo cun aperto de man.

As ferramentas para comunicar con que me criara xa non servían. Co pánico do momento, ese anarquista engurrado e derreado disposto a desfacerse das súas terras precipitouse: “Doce mil”

A palabra é a miña tecnoloxía máis primitiva e sen ela síntome profundamente espido. Non gostaba desta sensación, e así foi que decidín que había aprender algunhas palabras máis. 

España é unha palabra que corresponde cun Estado, un Estado poderoso cun poder xudicial e lexislativo, un exército e varios corpos policiais que manteñen a súa unidade, que apenas se mantén. Durante décadas os separatistas vascos atentaron contra case cada institución dese Estado, coa idea de bater nel até que se rendese. E agora parece que Catalunya quer votar a súa saída.

O noso país, aquel que eu non sabía nen que existía, é unha das nacións esquecidas de España. ‘Galicia’ é o nome que utilizamos habitualmente en inglés. Así é que se chama en español. É curioso que utilicemos o mesmo nome, unha especie de broma colonial de imperio a imperio. Este país ten o seu proprio repertorio de palabras artelladas pola gramática e a cultura, e este seu repertorio dista moito daquel con que te podes atopar en Madrid. Trátase dunha lingua moi diferente, a máis antiga de todas as linguas románicas da Península e, nesta súa lingua, o país chámase Galiza.

O Reino da Galiza naceu antes do que Castela e León, aquel reino español que acabou por engulir a Galiza cando esta se veu abaixo. Afanáronse en desmantelar as súas estruturas sociais, e as súas terras foron repartidas entre señores españois que nunca viveran aí. Tornouse unha colonia do Reino de España. Desde aquela, a cultura, a lingua e a nación independentes da Galiza foron sistematicamente reprimidas até ben entrado o século XX durante o réxime fascista do franquismo, predecesor do actual Estado español. Mais, por incríbel que sexa, as palabras sobreviveron, e mesmo hoxe as nosas viciñas e os nosos viciños falan con nós en galego, non en español.

É un milagre que o ar aquí aínda resoe con estas palabras, mais o milagre tamén se vai esvaecendo. As palabras evapóranse cada vez máis rapidamente. Con descaro e aproveitando a debilidade do momento, vanse colando novas palabras vindas do español. Xa chegou a hora, despois de máis de quiñentos anos, de acabar definitivamente coa lingua propria da Galiza. As nosas viciñas e os nosos viciños falan galego, mais xa son maiores. Hoxe só fala galego 5% da xente nova de menos de 12 anos.

É un milagre que o ar aquí aínda resoe con estas palabras, mais o milagre tamén se vai esvaecendo. As palabras evapóranse cada vez máis rapidamente

Se cadra, veremos como se pecha definitivamente un proceso colonial iniciado hai séculos. E así sen máis, outra das moitas linguas fermosas do planeta se vai apagar. Unha lingua morta. O xeito de pensar, a poesía e o abalo das palabras, a riqueza con que a lingua describe a terra á que vive apegada e que a viu nacer ficarán reducidos á especialidade dun puñado de estudosos encargados de catalogaren as linguas europeas desaparecidas. 

Todo o mundo ouviu falar das comunidades de inmigrantes ingleses afincados no sul da Península, vilas inteiras acaparadas por xente de fala inglesa, inzadas de conflitos culturais. A rede está repleta de británicos que viven en España, queixándose de que os españois son demasiado lacazáns para lles falaren en inglés, e até un que dixo que el emigrara para non ter que aturar os inmigrantes... Nalgún momento, nalgunha parte, o sentido que une os termos ‘inmigrante’ e ‘emigrante’ se perdeu no maxín inglés. Lémbrame un estadounidense que ouvín unha vez nunha cola nun aeroporto de Londres que gritaba ao sinalar o letreiro: “Esta cola é para os estranxeiros. Eu non son estranxeiro! Son americano!”.

Desde aquel momento, fomos rubindo paseniñamente a costa que supón para nós aprender a marabillosa lingua desde país, que non é o español, mais o galego

Arrepiados por estes guetos de arrogancia e decididos a racharmos o imperialismo lingüístico do inglés, lanzámonos corpo e alma a aprendermos español. Queríamos integrarnos. Mais un día, ao acudirmos a un mitin político nunha vila ao lado, sentamos na sala mais non percibimos nada. As palabras semellaban adoptar formas que deberíamos recoñecer, mais parecían deformadas e tolleitas, como se falasen nunha lingua coñecida mais que xa non se sabe captar. Non entendíamos nada. E desde aquel momento, fomos rubindo paseniñamente a costa que supón para nós aprender a marabillosa lingua desde país, que non é o español, mais o galego.

Para a xente, somos como macacos que aprenderon a imitar palabras. Belíscannos a meixela: “Mira! Que fala galego! Fala mellor que nós!”. Así sempre. Claro que non é certo, mais entendo por que o din. Nós tivemos que aprender a lingua e para falarmos nun galego correcto procuramos evitar as palabras españolas que van corroendo a lingua.

Non todo o mundo aprecia o noso esforzo. Este país sen Estado de seu, plasmado na palabra Galiza, non é algo que todo o mundo de por aquí admire. Hai moita xente que defende o proxecto español. A miúdo –mais non sempre– o tamaño das súas casas, os seus coches de alta gama e o seu xeito de vestir os delatan. Para a enorme maioría d@s galeg@s, os nosos esforzos por falar a súa lingua lles resulta entrañábel, simpático ou mesmo admirábel. A miúdo agradecen, a miúdo tamén se sorprenden. Mais tamén hai unha pequena minoría que reacciona de xeito inesperado, abertamente hostil.

A muller da tenda, baixiña e fogosa, tremía ao sentenciar: “Yo soy española y tenéis que aprender el castellano”. Outra muller nunha oficina fitou para min con profundo noxo: “¿Pero por qué habla gallego?”, perguntou. “Todos os nosos viciños falan galego”, expliquei. Con fonda decepción dixo: “Pero las dos lenguas son muy similares. Si se habla una de ellas, ya se entiende la otra. ¡Habla en castellano!”. Logo se contradixo ao contarlle á miña parella que debería falar en español, que non todo o mundo entende galego...

Aqueles que apoian a destrución do galego ben saben que o único que teñen que facer é deixar que as cousas vaian indo polo mesmo camiño

A política da lingua española é irracional. Os argumentos que a sustentan son irracionais, mais o español está a gañar a partida e aqueles que apoian a destrución do galego ben saben que o único que teñen que facer é deixar que as cousas vaian indo polo mesmo camiño. Arrepíntome de non botarlle máis peito daquela e prométome a min mesmo que a próxima vez o farei. A próxima vez que alguén me pergunte, con cara de noxo, por que falo galego, lle direi: “Porque vivo aquí, na Galiza. E porque as linguas se teñen que falar para se manteren vivas”.

Abrir a boca para falar é o momento existencial máis primordial e vivímolo continuamente. O que vou dicer? Que palabras han saír? Que mundo vou construír con elas? Acaso ‘lacazán’ é sinónimo de ‘grego’? A palabra ‘home’ engloba toda a humanidade? Podo renegar de ser responsábel da miñas proprias palabras, deixando que escapen sen pensar? Eu constrúo o mundo ao igual que o mundo me constrúe a min. É marabilloso decatarme de que hai algo que non sabía e logo aprendelo. E, unha vez aprendido, xa non hai escusas para non mudar o meu xeito de falar, para descreber o mundo dun xeito algo mellor e pórme do lado de quen máis o precisa.

Son inmigrante e por isto entendo o desexo de pasar desapercibido nesta miña nova terra de acollida, mais non se pode ficar neutral ante a cuestión da lingua, pois sempre que se abre a boca para falar, saen palabras. E mesmo antes de dicer o que se vai dicer, hai que decidir en que lingua se van dicer. Ao escollermos o español, decidimos que o español é a lingua por defecto deste país e as nosas palabras axudarán a matar a lingua nativa do lugar.

Son inmigrante, mais non se pode ficar neutral ante a cuestión da lingua, pois sempre que se abre a boca para falar, saen palabras

Ao utilizarmos o nome ‘Galicia’ en inglés, decidimos que o estado colonial, a lingua colonial, superan a lingua local. Seguimos o exemplo do imperio irmán. Todas aquelas persoas que están do lado do/a máis débil, @s colonizad@s, debemos rexeitar aquela denominación en inglés. Deixémoslle ‘Galicia’ para o español e utilicemos nós o nome proprio, o nome que plasma a cultura e a esencia deste lugar.

Cando comprei unha casa na montaña sen pronunciar nen unha palabra, non tiña nen idea do lugar marabilloso que era. Situado na beira do Atlántico, este país pasa os invernos chuviosos con sosegada resignación. Pode que chegase a modernidade, mais si hai gaitas, danzas celtas, aldeas de mariñeiros e suaves montes onde pacen ovellas. É o berce dunha cultura cálida e humilde, ás veces cauta, a miúdo desconfiada, mais case sempre xenerosa. Aquí, como en calquer outro sitio, conviven o conflito e a teimosía, o agarimo e a ledicia, a decepción e a esperanza. Son un inmigrante e agradezo a benvida tan cálida que nos deron as xentes desta terra. Temos sorte de crearmos o noso fogar aquí, na Galiza.

Artigo publicado orixinariamente no blogue jackparis.org e traducido para o galego por Robert Neal Baxter

Comentarios