Opinión

A xeración de cristal (II)

O suicidio xa é a primeira causa de morte entre os adolescentes. Se con outros problemas como o consumo de drogas houbo campañas de concienciación e información, coa saúde mental das persoas novas e co suicidio en particular non está a ser así. Teño para min que coas drogas era doado atribuír o consumo a malas decisións e poñer o foco nos individuos (os adolescentes xa se sabe, dróganse, son impulsivos e basicamente perigosos) pero co suicidio xa é máis complicado. Asumir que temos un problema desta índole implica recoñecer que algo estamos a facer mal como sociedade. Implica tamén falar dun tema complicado e espiñento, porque as mortes por suicidio teñen moito que ver coas condicións materiais de vida, e iso non é do gusto do capitalismo. Ante o discurso da xeración de cristal, das persoas novas choromicas, fráxiles, escasamente preparadas para os retos que se lles presentan, eu propoño outra visión. A dunha sociedade que literalmente abandonou as xeracións vindeiras. Que nun momento histórico complicado, cunha crise económica recente e unha pandemia, optou por botarlles a culpa do que lles pasaba.

Unha persoa na adolescencia ten menos recursos psíquicos para lidar co estrés que un adulto, pero é que ademais ten menos posibilidade real de actuar sobre o seu medio. Os menores están materialmente atrapados nas condicións da súa familia, do seu barrio e da súa escola. A día de hoxe é impensable que un rapaz de 16 anos atope traballo nin que unha persoa con 18 se independice economicamente. Non son lacazáns, é que non existe esa posibilidade material. Polo tanto, se a situación na que se atopan lles xera angustia ou malestar, as posibilidades de modificala son escasas ou nulas. Tampouco hai recursos específicos de saúde mental aos que poidan acceder por si mesmos, sen a mediación dos adultos, ou de tipo ocupacional e recreativo. Ante problemas de ansiedade ou de estado de ánimo, a resposta adoita ser negadora ou culpabilizadora. Que problemas vas ter ti, se o tes todo feito? Eu á túa idade... Que ansiedade? O que pasa é que estades todo o día co móbil. Iso fano por chamar a atención. Son uns langráns que non queren traballar. Son preguiceiros, non teñen cultura do esforzo. Quéreno todo xa. Só se ocupan en saír de festa, son irresponsables. Son os que contaxian o virus. Se cadra conviría reflexionar sobre que lles estamos a transmitir.

Comentarios