Opinión

Transplantes

"Teño que marchar, hai un fígado en Avilés". Cando comecei a residencia, durante un xantar coas compañeiras, unha das miñas amigas ergueuse e dixo esa frase. Tardei uns segundos en procesar o que quería dicir e cando quixen despedirme dela, xa marchara. Esa frase significa que, despois dunha chamada telefónica, ía montar nunha ambulancia para recoller un órgano compatible a 300 quilómetros de distancia. Outro equipo estaba esperando por esa ambulancia ("por nós", pensei eu, como se fose o meu equipo de fútbol) despois de realizar a extracción, e simultaneamente outro teléfono estaba soando na casa de alguén, coa noticia máis esperanzadora e máis terrorífica posible: hai un doante.

O primeiro transplante dun órgano sólido realizouse en Barcelona en 1965. Daquela parecía ficción científica, unha historia digna do Frankenstein de Mary Shelley. Dende entón, o Estado español leva máis de 30 anos sendo líder en transplantes de órganos, case 6.000 en 2023. O éxito depende de varios factores, que comezan coa miña amiga montada nesa ambulancia. Unha coordinación e uns equipos de profesionais que traballan contra reloxo, aínda que soe a tópico. 

A outra parte é un índice sen comparanza de doazóns, máis de 80% das familias deciden doar os órganos dos seus achegados cando se lles propón. Nos momentos máis angustiosos posibles, porque xeralmente os doadores viables sono por falecementos máis ou menos repentinos, as persoas deciden pensar noutros seres humanos que nin sequera coñecen. Este altruísmo non é excepcional, atinxe á inmensa maioría. Porcentualmente poucas persoas realizan documentos de últimas vontades indicando que queren ser doadoras ou pertencen a algunha asociación, e aínda así as familias teñen claro que ese sería o desexo da persoa falecida, ben porque tiveron esa conversa nalgunha ocasión, ben porque lles parece coherente con outras opinións que expresara en vida. Todo isto sen ningún tipo de beneficio, nin económico nin doutro tipo, anónima e voluntariamente.

O que me fai pensar este éxito da biomedicina son dúas cousas. A primeira, que os seres humanos conseguimos facer maxia coa tecnoloxía. A segunda, que o altruísmo e a cooperación son a norma e non a excepción, aínda que nos queiran convencer do contrario.

Comentarios