Opinión

Mulleres e autismo

Ata non hai moito, pensábase que a proporción de mulleres con trastornos do espectro autista era a décima parte da que se atopa en homes. Incluso se chegou a falar do autismo como dunha hipermasculinización do cerebro. Xa se sabe, as mulleres somos tidas por emocionais, volubles e impredicibles. Os homes, pola contra, parecen posuír o pensamento lóxico-racional. As persoas que teñen problemas coa empatía e cos sentimentos eran lidas como hipermasculinas. Tiveron que pasar décadas para que as investigadoras achegasen a súa propia visión ao eido do TEA, con resultados non por agardados menos sorprendentes. Se se falaba dunha proporción dunha muller por cada dez homes con autismo, agora estamos a falar dunha muller por cada tres homes. Que está a acontecer entón? Pois o que xa aconteceu innumerables veces na investigación científica: os estudos baseados en homes e desenvolvidos por homes deixaban fóra as variacións clínicas das mulleres. 

Agora sabemos que moitas mulleres con TEA pasan boa parte da súa vida sen diagnóstico ou con diagnósticos errados, con todo o que iso implica, por non encaixar no estereotipo do 'autista' masculino. Moitas son diagnosticadas finalmente ao mesmo tempo que os seus fillos varóns. Hai moitas historias de mulleres que poden contar auténticos periplos con múltiples etiquetas, dende trastorno de ansiedade ata trastornos da personalidade ou trastorno bipolar, simplemente porque non encaixaban aparentemente coa idea social do autismo, retratada na ficción como o superdotado estraño, literal e pouco empático. Se pensamos en Sheldon Cooper, nunca veremos ás mulleres con autismo.

As mulleres teñen en xeral menos problemas no social, enmascaran máis os síntomas (masking) e sofren maior ansiedade e depresión que os homes, debido en parte a que socialmente ás mulleres educáronos para encaixar, non chamar a atención e compracer, e a tolerancia social á rareza e moitísimo menor. Isto non quere dicir que as mulleres con autismo estean mellor adaptadas ou sufran menos, senón que os seus problemas son, en xeral, diferentes. 

Un equipo da USC acaba de publicar un estudo sobre o tema. Todo nos leva a pensar en canto tempo ten que pasar para que as mulleres reciban unha atención de calidade ao mesmo nivel que os homes e a importancia de incluír mulleres na investigación.

Comentarios