Opinión

Móbil

Esta semana fanse 50 anos da primeira chamada efectuada cun teléfono móbil, posiblemente a tecnoloxía, xunto coa computadora persoal, que máis cambiou as nosas vidas. Practicamente o 100% da poboación dos países industrializados posúe polo menos un dispositivo móbil. Non só a comunicación entre persoas, senón a navegación e consulta de mapas, o correo electrónico e o consumo de contidos online cambiaron por completo coa irrupción dos smartphones.

Un dos temores que existían cando comezaron a xeneralizarse os dispositivos de peto era o posible dano xerado polas ondas de radiofrecuencia que se empregan para o seu funcionamento. Moreas de información errada a este respecto aparecían nos medios de comunicación. Tamén se daban recomendacións sobre o seu uso para minimizar o suposto efecto nocivo das ondas, como non gardalo no peto superior da camisa polo risco de que se producise un infarto, ou non cargalo na mesa de noite para evitar que a radiación afectase ao cerebro. Todas estas cousas eran lendas urbanas exacerbadas polos medios de comunicación sen ningún tipo de base científica. A radiación que empregan os dispositivos móbiles é de tipo non ionizante, e polo tanto non ten potencia suficiente para inducir cambios celulares, os responsables últimos do cancro. Incluso se recomendaba apagalos nas gasolineiras por se a radiación facía rebentar un depósito de combustible.

Cincuenta anos despois, resulta obvio que se a radiación electromagnética empregada tivese algún prexuízo para a saúde, os casos de enfermidades asociadas constituirían unha auténtica epidemia, dada a penetración case total do seu uso. Tampouco o tantas veces invocado principio de prudencia parecía ter moito sentido aquí, porque coñecemos o funcionamento das radiacións electromagnéticas e sabemos cales poden ser os seus riscos. Nin o cancro, nin os infartos nin  rebentar depósitos de gasolina están entre eles.

As tecnoloxías móbiles constituíron un cambio social inconmensurable, con moitas consecuencias positivas e outras non tanto, estendido ademais á totalidade da poboación. Lembrar os medos e as alertas de hai trinta anos e comparalas co presente pode servir para adestrar a cautela ante as informacións alarmistas e terroríficas que se escoitan cada vez que unha nova tecnoloxía aparece. Existen riscos e malos usos, pero xeralmente non son os que os medios de comunicación axitan.

Comentarios