Opinión

Mentiras

A mentira é un mecanismo adaptativo co que contamos os seres humanos. Un mundo no que todo o mundo estivese obrigado a dicir a verdade constantemente sería dificilmente soportable. Para mentir, é necesario posuír unha cualidade do cerebro humano e de algúns mamíferos superiores coñecido como teoría da mente: a capacidade de entender que os outros individuos teñen unha mente diferente da propia e polo tanto os seus contidos de conciencia poden ser distintos aos meus.

Entendido isto, a mentira consiste en inducir contidos de conciencia falsos nas outras mentes, a sabendas de que non se corresponden coa realidade. Polo tanto, mentir é substancialmente diferente de ofrecer unha información incorrecta inadvertidamente. Mentimos á mantenta, para facer crer ao outro algo diferente da realidade.

Hai moitos xeitos positivos de empregar a mentira. Podemos mentir para protexer a alguén, para non molestar innecesariamente ou para agradar ao outro. Tamén podemos mentir para intentar que non se descubra un erro que cometemos, unha conduta pouco ética ou incluso ilegal. Case todos os sistemas xudiciais recoñecen o dereito do acusado a mentir para defenderse.

A mentira pode empregarse tamén como mecanismo de evitación. Mentimos para convencer aos demais e a nós mesmas dunha versión alterada dos feitos que nos sexa máis favorable. O problema con calquera mecanismo de defensa psicolóxico é que ten os seus límites. Mentir sobre algo que aconteceu á vista de todo o mundo, continuar mentindo unha vez se descubre a primeira mentira e mentir en diferentes soportes (por escrito, oralmente, por medio de imaxes manipuladas…) é un exemplo claro do emprego dun mecanismo de defensa que ao individuo lle deu resultado noutras ocasións, pero que neste momento está sendo empregado de xeito indiscriminado.

Cantos máis mecanismos psíquicos teñamos e máis flexibles sexamos nas diferentes circunstancias que se nos presentan, máis probable é que as nosas condutas sexan exitosas. Se só temos un, é como ter unha caixa de ferramentas na que só hai un martelo, que tratamos de empregar indistintamente para desaparafusar, cortar, cravar ou perforar. O lamentable espectáculo ao que estamos asistindo nestes últimos días de agosto no mundo do fútbol parécese bastante a un tipo tratando de construír un moble só cun martelo.

Comentarios