Opinión

Manifestarse

Valen de algo as manifestacións? É unha conversa que teño periodicamente, porque hai moita xente que non acaba de ver clara a súa utilidade, incluso que lles parece que teñen un punto de autocompracencia. Imos, vemos aos colegas, damos un paseo pola cidade e berramos catro consignas. Eu tampouco creo que só as mobilizacións na rúa sexan a solución a todos os problemas. Teñen que ir acompañadas doutro tipo de mecanismos que nos permitan influír sobre a nosa contorna inmediata, sexan estes o voto, o traballo asociativo e sindical ou as folgas. Aínda así, si penso que as manifestacións no seu formato clásico, como a desta fin de semana, cumpren unha función importante. De non ser así, non habería tanto empeño en desacreditalas nin tanto baile de números. Se realmente fosen algo inofensivo, daría igual se a capacidade da praza do Obradoiro ao completo son trece persoas ou trinta mil. O dereito á manifestación está especialmente protexido en case todas as Constitucións europeas, e é un dos primeiros que corre perigo cando chega ao poder un goberno totalitario, como podemos ver por desgraza estes días. Tamén é unha das teimas da dereita, que periodicamente saen con orixinais ocorrencias para limitalo e desactivalo, como os famosos manifestódromos, ou para desacreditar a lexitimidade das protestas, acusándoas de violentas cada vez que alguén tropeza cunha lixeira.

En cada situación concreta, as mobilizacións na rúa serán unha ferramenta máis ou menos útil, e posiblemente mereza a pena reflexionar sobre como e cando se empregan, porque tamén teñen un custo en tempo e esforzo para as participantes. Porén, son unha ferramenta moi eficaz e só hai que observar os efectos que producen para telo claro. Ademais, son un dereito democrático que convén exercer para que non se enferruxe, porque as persoas que nunca participaron neste tipo de protestas tenden a non ter claro tampouco os motivos polos que son un dereito fundamental, e polo tanto é máis probable que non se alarmen se se conculca. Só hai que ver as manifestacións de extrema dereita en Madrid, moitas delas con múltiples problemas porque non se comunicaban ou non atendían aos percorridos previamente acordados, entendo eu que por falta de práctica. Os dereitos tamén teñen límites e canles para exercelos, e isto as dereitas tampouco acaban de entendelo moi ben.

Comentarios