Opinión

Insectos

Estes días de calor sen precedentes históricos fan que a emerxencia climática que estamos a vivir se presente de xeito moi difícil de ignorar. A calor é evidente para calquera, pero hai outras consecuencias moito máis sutís e igualmente alarmantes. Lembras cando foi a última vez que viches unha bolboreta? E unha abella? Pola contra, cantas vespas velutinas atopaches este verán? Seguro que se lembras veráns de hai vinte ou trinta anos, os insectos eran unha presenza constante, tanto visual como auditiva. 

O quecemento global está a producir cambios alarmantes nas poboacións destes animais, que á súa vez poñen en risco a diversidade e as cadeas biolóxicas nas que participan. As abellas, bolboretas e outros artrópodos son os responsables da polinización de moitas especies vexetais, polo que a súa diminución limita a reprodución dos vexetais que dependen deles. Ao mesmo tempo, os nichos ecolóxicos destas especies comezan a ser ocupadas por outras que eran menos frecuentes nestas latitudes, pero que agora atopan temperaturas máis axeitadas para elas.

Enfermidades como a malaria, propias de climas tropicais, comezan a detectarse en lugares máis septentrionais, e parece que chegan para quedar. Isto xa é grave de por si, pero ademais hai que ter en conta que moitas destas doenzas non teñen tratamentos eficaces. 

Estamos nun círculo vicioso no que as elevadas temperaturas producen alteracións na biodiversidade, que á súa vez empeoran a capacidade dos vexetais para reproducirse e polo tanto aceleran a diminución de masa verde e reduce aínda máis a mencionada diversidade. As especies que si proliferan neste novo clima non cumpren a mesma función que as que van desaparecendo, pero sobreviven moito mellor nas condicións actuais. 

Non parece que exista unha solución doada a esta situación, porque aínda que a humanidade logre frear o quecemento, non é seguro que sexa suficientemente rápido para salvar as especies de insectos. Estanse a propoñer modificacións xenéticas en especies xa existentes para mellorar as súas posibilidades de supervivencia, pero polo momento son ideas especulativas. Tampouco sabemos que impacto podería ter esta acción. Tendo en conta como saíron outras iniciativas de modificación voluntaria de ecosistemas, se cadra non é a opción máis prudente.

Comentarios