Opinión

Ideoloxía

Un dos meus primeiros contactos coas disciplinas da saúde mental, antes de saber incluso o que facía exactamente unha psicóloga ou unha psiquiatra foron as columnas dun xornal. Unha delas, na forma de consultorio que estaba de moda nos 90, estaba asinada por un psicólogo que daba consellos tan edificantes como que se o teu marido exercía violencia sobre ti deberías facer autoanálise para ver en que podías mellorar para "non alteralo" ou que se unha adolescente ficaba embarazada como resultado dun abuso sexual, o aborto nunca era unha opción. Aquilo xa debía empezar a renxer e finalmente eliminaron a columna. Unha das máximas en saúde mental é que a túa ideoloxía non debera interferir no tratamento, pero isto semella imposible na práctica.

Case trinta anos despois, volvo ver profesionais con ideoloxías fortemente conservadoras dando "consellos" en redes na mesma dirección. A psiquiatra Marian Rojas é un bo expoñente de como a ideoloxía (conservadora) anula por completo a análise científica. Unha das súas máximas é que os homes e as mulleres presentamos grandes diferenzas dende o punto de vista neurobiolóxico que condicionan a nosa conduta, a nosa toma de decisións e a nosa escala de valores. Non a sociedade patriarcal, ollo. A estrutura do noso cerebro. Non hai base científica algunha para afirmar isto, que por outra banda non é moi diferente do que promulgan os activistas misóxinos da manosfera, con toda a súa teoría delirante sobre homes alfa, mulleres de alto valor, bodycount e máis termos completamente inventados. O problema é que esta señora leva traxe, ten un título e non é un tipo turbio nun garaxe cun deportivo que aluga durante tres horas para sacalo no vídeo. É dicir, ten todos os ítems da autoridade. Ademais, unha muller dicindo que as mulleres somos intrinsecamente inferiores (porque diferente quere dicir en realidade inferior) sempre é moi do agrado do conservadorismo.

A ideoloxía está aí, todas a temos aínda que ás veces se tache de "ideolóxico" aquilo co que non estamos de acordo. Creo que unha boa praxe sería polo menos recoñecelo de entrada. Ao igual que eu podo dicir que son feminista e non vou deixar de selo no meu traballo, sería de moita axuda que esta persoa deixe claro dende o principio que é ultraconservadora e antifeminista. Deste xeito polo menos teríamos claro a quen escoitamos e que valores defende cada quen.

Comentarios