Opinión

Humor

O 1 de abril é o día das brincadeiras nos países da lusofonía, e tamén tradicionalmente en Galiza, a pesar de ser o 28 de decembro a data de máis sona. Nunca entendín por que se conmemora con bromas un suceso como unha suposta matanza de crianzas, cousas incomprensibles das tradicións. En todas as culturas existen ocasións nas que se permite mentir, disfrazarse ou incluso insultar ou criticar, sexa o 1 de abril, o día dos Inocentes ou o entroido nas súas variadas formas. Nas sociedades tradicionais estas pequenas transgresións puntuais eran un xeito máis de manter unha orde social máis ou menos ríxida na que os modos de relación estaban moito máis codificados que na actualidade. 

O humor pode cumprir tamén un papel nos procesos psicoterapéuticos, ben para cimentar a relación terapéutica mediante a complicidade e as emocións positivas, ben como auténtica ferramenta de cambio. A brincadeira, a ironía, permítenos tomar unha certa distancia e observar o que nos acontece sen a implicación emocional que nos xeran outros achegamentos. Pode servir tamén para que nos fagamos conscientes das dimensións reais de cuestións que podemos estar sobrevalorando ou para que caiamos na conta do absurdo dalgúns dos pensamentos que ás veces nos asaltan. 

A achega humorística non depende de que un determinado suceso sexa en si mesmo cómico, senón da ollada que temos sobre el. Se pensades en comedias cinematográficas, as situacións que formulan poden ser moi diversas e non necesariamente divertidas de por si. Podemos ver películas sobre unha invasión zombi concibidas como dramas, como filmes de aventuras ou terror, ou como comedias. Os sucesos poden ser practicamente idénticos, e o que os fai risibles ou non é o xeito no que se nos presentan. As parodias de calquera xénero tamén son un bo exemplo de como se poden empregar os recursos dunha certa clase para facer todo o contrario.

Polo tanto, o humor é un mecanismo psicolóxico, un tipo de ollada sobre algo que acontece. Pódese facer humor con todo? Se o tipo de achegamento que facemos a certos feitos é humorístico, podemos facer brincadeira de calquera situación. Isto non quere dicir que en todas as circunstancias sexa acaído, ou que os obxectivos aos que vai dirixido sexan éticos ou lexítimos. A brincadeira é unha ferramenta poderosa, como dicía ao comezo, para subverter a orde social, pero tamén para mantela. 

Comentarios