Opinión

Evolución

Observamos atónitas como a ultradereita máis furibunda gaña eleccións en lugares con profundas fendas sociais e non o entendemos. Semella un suicidio colectivo que persoas pobres decidan votar a quen expresamente declara que vai eliminar axudas e privatizar todo o posible. Hai moitas explicacións para este tipo de dinámicas e posiblemente varias sexan certas ao mesmo tempo, pero eu quero achegar hoxe un factor que ten que ver cos nesgos cognitivos.

Este tipo de posicións extremas anti-estado susténtase na idea de que a iniciativa individual funciona mellor que o colectivo, porque o ser humano móvese unicamente por intereses egoístas. Pensan que calquera acto altruísta é antinatural e en última instancia prexudicial para a sociedade. A escritora (non me atrevo a chamala filósofa) Aynd Rand sería o máximo expoñente deste tipo de discursos.

Porén, a nosa evolución como especie desmente por completo esta teoría. Non só o home non é un lobo para o home senón que os lobos tampouco son lobos para outros lobos. As persoas temos un cerebro inmenso do cal máis da metade esta dedicado unicamente á función social. O noso neocórtex ten como finalidade a comunicación complexa con outros membros da nosa especie. A linguaxe, o pensamento abstracto e simbólico e en último termo as matemáticas, a física e a tecnoloxía son derivadas desta capacidade. Que interese tería dende o punto de vista evolutivo montar un megaprocesador só para iso no hardware máis cutre imaxinable, o dun mono de tamaño medio non particularmente forte nin rápido? É como ter un McBook Pro para ver redes sociais, cousa que por certo tamén facemos os humanos.

Precisamente porque non somos nin fortes nin rápidas, o noso punto forte é a capacidade para comunicarnos. E comunicarnos permítenos colaborar de xeito extraordinariamente eficiente. Permítenos cazar xuntas e compartir recursos pero tamén ideas, e as ideas evolucionan moito máis rápido que os organismos. Se podemos pensar que os guepardos se especializaron na velocidade e os elefantes no tamaño, os humanos especializámonos na colaboración. É o que se nos dá ben e o que nos permitiu modificar e controlar o noso medio a unha escala non coñecida no planeta. Postular que o estado natural das cousas é o individualismo e que todo funciona mellor se cada un mira polo seu é ignorar tres millóns de anos de facer cousas xuntas.

Comentarios