Opinión

Estratexias coercitivas

Cando pensamos nunha seita, vénsenos á cabeza un personaxe con túnica e un discurso místico ou esotérico. A palabra seita, en realidade, designa simplemente unha corrente minoritaria dun culto ou relixión. O cristianismo foi no seu inicio unha seita do xudaísmo. En 2022, as seitas poden cobrar calquera outro aspecto. Un curso de inversión. Un método para perder peso ou para mellorar a alimentación. Un youtuber. Unha terapia. Hai psicólogos que defenden que o mesmo emprego da palabra seita é anacrónico e ademais pode levar a erro, porque nos induce a ignorar mecanismos sectarios cando o envoltorio non é de tipo relixioso. Propoñen o emprego do termo estratexias coercitivas para describir, non xa as ideas, senón os medios que se empregan para captar adeptos. Nos últimos anos iniciáronse procesos xudiciais contra empresas que cometían estafas piramidais baixo a promesa de enriquecemento rápido investindo en produtos de alto risco. O factor de novidade non era o da estafa, senón que os métodos de captación coincidían coas técnicas de persuasión coercitiva empregadas por outras seitas relixiosas tradicionais: emprego dun vocabulario hermético e propio do grupo, promesas de mellora incrible na vida das persoas, sensación de pertenza a un grupo pechado que manexa un coñecemento exclusivo. Podería resumirse na frase: "os que estamos dentro coñecemos o secreto e seremos os escollidos (para o éxito económico ou para a salvación ultraterrena)". Nunha segunda fase, comezan as coercións, con chantaxes, minusvalorización dos membros do grupo en comparación co líder, separación ou afastamento da familia e o entorno fóra do grupo. Coinciden tamén coas estratexias que empregan os maltratadores para controlar as vítimas de violencia de xénero. Un grupo coercitivo pode ter só dous membros.

Nos casos máis extremos, pode aparecer violencia física, xaxún forzado e reclusión ou secuestro. No mundo actual non podemos recoñecer o perigo simplemente porque pareza un grupo con ideas raras. Debemos prestar atención ás estratexias empregadas e a como se comportan os adeptos. Se se dan cambios importantes na vida das persoas, illamento da contorna social, restrición de intereses permanecendo só os que coinciden cos do grupo e sensación de "elixido" ou de coñecemento revelado, posiblemente esteamos a falar dun grupo sectario.

Comentarios