Opinión

Dopamina

Para a miña sorpresa, unha molécula tan esencial como a dopamina gañou nos últimos anos mala fama. Ata o punto de que hai famosos propoñendo nas súas redes “xaxúns de dopamina”, como se nos dixeran que non debemos cear carbohidratos. Parecen suxerir que a dopamina é algo malo para a saúde mental, polo que hai que limitala. Isto choca frontalmente coas intencións de todas as profesionais, que tratamos por diferentes métodos, químicos ou condutuais, de aumentala.

Investigando un pouco máis, resulta ser, como xa semellaba, a enésima moda pseudocientífica impulsada por xente con moitos cartos e moito tempo libre. A idea viría ser que estamos expostas a múltiples actividades que provocan un elevado recambio de dopamina, a substancia que no noso cerebro é responsable da alerta, o pracer e a recompensa. Para facernos unha idea, un like nas redes sociais, unha luz rechamante ou un sabor que nos agrada son todas elas fontes de dopamina.

No mundo tecnificado, estas descargas dopaminérxicas son moito máis frecuentes e máis intensas que no medio natural: non hai na natureza un sabor tan saturado, unha imaxe tan vívida nin un estímulo tan rápido como os que creamos artificialmente. Estamos, dalgún xeito, hackeando os nosos sistemas de recompensa. Hai condutas relacionadas con isto que poden ter sentido, como pasar menos tempo usando pantallas ou tratar de comer alimentos con sabores máis próximos ao natural.

Onde a cousa descarrila é no do “xaxún” de dopamina, porque a proposta para contrarrestrar esta tendencia é pasar un ou varios días “evitando os estímulos que liberen dopamina”. Hai planos máis ou menos extremos: dende unha fin de semana offline ata prescindir tamén de música, da conversa ou diminuír ao mínimo a alimentación. Como vedes, vaise parecendo cada vez máis a un retiro espiritual de calquera culto, con ou sen dopamina.

O que fai todo máis absurdo é que falamos da molécula da recompensa e da alerta. Literalmente calquera cousa libera dopamina. Beber cando tes sede, un son inesperado, cambiar de posición. Polo tanto, é completamente imposible non liberar dopamina.

E ademais, por que ía querer ninguén facer semellante cousa? Aquí vén á chave de todo o asunto, porque estes gurús afirman que isto aumenta a produtividade. Evidentemente, se non tes ningunha outra fonte de satisfacción, a túa produtividade aumenta. Unha reviravolta curiosa para propoñer o de sempre.

Comentarios