Opinión

Dinosauros

O peor clickbait que atopei ultimamente foi un que prometía desvelar algo que cambiaría para sempre o noso xeito de ver o pasado: os humanos e os dinosauros si chegaron a convivir. Piquei, por suposto. Non porque me parecese que existise a máis mínima posibilidade de reescribir a prehistoria de dúas especies separadas por 63 millóns de anos, senón para ver onde estaba o truco. Por unha vez, non había truco. Convivimos no pasado e seguimos convivindo con dinosauros na actualidade, en forma de galiñas, pombas e incluso pardais, porque pertencen ao mesmo tronco común. Non é que as aves descendan dos dinosauros, senón que son dinosauros.

Aquí subxacen dúas cuestións que me parecen interesantes. A primeira, o feito de que en xeral a ciencia ensínase e percíbese como un corpus pechado de coñecemento que non pode ser cuestionado, cando en realidade é todo o contrario. Os datos que coñecemos están suxeitos a modificación, axuste e incluso a revisión ou refutación completa. Cando comecei a interesarme pola evolución e o seu funcionamento, estaba bastante aceptado que os dinosauros eran réptiles e que compartían características con lagartos e tartarugas actuais, como sangue frío e pel escamento. A discusión principal estribaba en como era posible manter vivos animais de semellante tamaño e que parecían poder desenvolver velocidades elevadas con sistemas de regulación externa de temperatura. Na actualidade, sabemos que existiron dous grandes grupos e que un deles pertence á mesma categoría que as aves, con plumas e sangue quente. Isto non invalida todo o coñecemento anterior, pero si o modifica substancialmente.

A segunda cuestión que se me presenta é a dificultade que temos as persoas para manexarnos con lapsos de tempo moi prolongados. Cifras como 65 millóns de anos teñen pouco ou ningún sentido para nós, que funcionamos en décadas ou como moito centos de anos. Isto fai que ese pasado no que os dinosauros incluían tanto aves como os enormes animais extintos nos pareza remoto, pero non tanto. Aínda que saibamos racionalmente que é así, o noso cerebro non procesa cifras tan altas. O ser humano tamén conviviu con outros animais xa extintos, como os mamuts, así que resulta complicado asimilar que os mamuts aínda existían cando xa estabamos escribindo e construíndo pirámides e cidades, mentres que dos dinosauros sepárannos océanos de tempo.

Comentarios