Opinión

Deporte feminino

Estamos asistindo a un maior interese mediático no deporte feminino nos últimos tempos, aínda a pesar da enorme distancia que existe co masculino, tanto a nivel de medios económicos como de cobertura informativa. Pode ser un bo momento para reflexionar de que xeito a bioloxía pode empregarse como arma para xustificar unha discriminación histórica.

Non hai moitas décadas que se intentaba impedir pola forza que a primeira maratonista completase a proba. Se as mulleres son tan inferiores fisicamente e incapaces de desenvolver actividade física, por que existe a necesidade de prohibirlles competir?

En primeiro lugar, o mito da inferioridade física feminina está sustentado na escolla daquelas disciplinas nas que efectivamente partimos con desvantaxe como as de maior prestixio social. Deportes nos que as mulleres teñen máis facilidade para destacar non contan con tanta publicidade nin financiamento. Polo tanto, a situación é que determinadas características físicas, que casualmente coinciden coas que presentan os individuos masculinos, son consideradas máis importantes e priorízanse.

As mulleres presentan maior flexibilidade, equilibrio e resistencia ao esforzo, pero aínda así pervive o mito da inferioridade biolóxica, en lugar de valorar as diferentes capacidades.

A segunda trampa é que, cando as mulleres, a pesar de todo, si presentan as cualidades das que presuntamente carecen, sempre aparece algún subterfuxio para deixalas fóra. Xa non é tan evidente como sacar unha corredora a empurróns da pista, pero paréceselle moito. O caso das deportistas que presentan de xeito natural niveis máis altos de testosterona que a media e fican por isto mesmo excluídas da competición xunta dexeito perfecto machismo e eurocentrismo. Ao mesmo tempo, fai un pouco ridículo o debate sobre as persoas trans no deporte, dado que nin sequera deixan competir ás mulleres cis que non encaixan no canon patriarcal.

En último lugar, o problema é sempre económico e político. Cae de caixón que se o deporte feminino manexase o mesmo presuposto disparatado que o masculino, as xogadoras fosen superestrelas mundiais e as nenas fosen practicamente obrigadas a xogar dende a infancia a risco de ser excluídas do seu grupo de pares, o nivel do deporte feminino subiría inexplicablemente, aínda a pesar da suposta desvantaxe biolóxica.

Comentarios