Opinión

Clima tropical, enfermidades tropicais

Calquera que teña máis de dez anos de vida pode observar por si mesma a elevación das temperaturas nos últimos anos, sen necesidade de recorrer ás estatísticas. Veráns máis prolongados e máis cálidos con temperaturas máis altas en épocas do ano onde non debera ser así. 

Os seres humanos levamos milenios modificando a nosa contorna, pero non foi ata hai poucos centos de anos que adquirimos a capacidade para precipitar cambios globais. Un deses cambios é o efecto que a nosa actividade produce sobre outros animais. As especies invasoras son aquelas plantas ou animais que os humanos trasladamos, inadvertidamente ou á mantenta, fóra do hábitat que lles é propio, provocando desequilibrios noutros ecosistemas. A peste negra medieval sospéitase que puido estar causada por unha destas especies invasoras, ao introducirse nos navíos ratas procedentes de Asia, que competían cos ratos de campo europeos e portaban a bacteria Yersinia Pestis. No continente australiano tamén se poden enumerar catástrofes ecolóxicas producidas pola introdución, neste caso premeditada, de novas especies como coellos, ovellas, cans ou gatos, que fixeron auténticos estragos nas fráxiles estruturas ecolóxicas locais, illadas durante millóns de anos. Mención especial para o gato que aparentemente extinguiu el só unha especie concreta de papagaio nunha illa australiana (lembra: adopta, non merques, esteriliza e recorda que o teu michiño é unha máquina de matar).

Unha nova especie tropical que se está detectando no sur de Europa a causa das mudanzas no clima é o mosquito tigre, moito máis grande e resistente que o común europeo e que pode ser vector dunha enfermidade que consideramos propia de latitudes tropicais: o dengue. Esta doenza, provocada por un virus, é transmitida polas femias deste tipo de mosquito cando pican. Pode ser grave e requirir hospitalización. Neste caso, non semella que os humanos trouxésemos o mosquito tigre inadvertidamente a Europa, senón máis ben que producimos mudanzas que lle permiten sobrevivir en novos nichos ecolóxicos nos que antes non proliferaba. 
O mundo e a natureza están en constante cambio e ningún equilibrio biolóxico é permanente, pero os cambios antropoxénicos cobran unha velocidade sen precedentes na historia do planeta. Enfrontarémonos a retos sanitarios coma este cada vez con máis frecuencia nas próximas décadas.

Comentarios