Opinión

Carne vexetal

Cada vez máis persoas optan por reducir os alimentos de orixe animal na súa dieta, ou ben elimínanos por completo. A OMS recomenda tamén diminuír o seu consumo, sinaladamente o de carne vermella, cuxa presenza excesiva asociouse a un aumento de risco de cancro. O menor consumo de carne e doutros produtos animais é tamén un obxectivo de sostibilidade e menor impacto ecolóxico, ademais de mellorar a nosa saúde. Outras persoas poden ter motivos de tipo ético-moral para decidirse por dietas veganas ou vexetarianas. Calquera que sexa a nosa motivación ou o grao no que decidamos diminuír o noso consumo, queda claro que beneficia tanto a nosa saúde como ao medio ambiente, como mínimo.

En contraposición á evidencia científica, a dereita escolleu como novo obxectivo identitario o feito de comer carne, moi asociado tamén ás masculinidades tradicionais. O desprezo á propia saúde e ao medio ambiente parece unha das características esenciais da ideoloxía conservadora e ao mesmo tempo do machismo, que considera que coidarse de calquera maneira equivale a ser "pouco home". Non sei se serán menos homes por isto, pero claramente si o serán durante menos tempo. Como noutros temas relacionadas coa sostibilidade e coa saúde, neste tamén adoptan posturas irracionais e contrarias ao coñecemento científico, baseadas unicamente no emocional e nunha defensa cega do que parecen pensar erradamente que "sempre foi así". En realidade, poder incluír carne diariamente na alimentación é un fenómeno propio da contemporaneidade, impensable ata os anos 60-70 do pasado século.

O problema que pode existir na maior concienciación sobre os beneficios das dietas baseadas en vexetais é que o mercado captou tamén a tendencia e trata de equiparar vexetal a saudable, sexa cal sexa a composición do produto. Así, proliferan unha chea de ultraprocesados veganos, que non conteñen derivados animais pero que continúan sen ser en absoluto saudables. Por outra banda, a industria cárnica está a facer presión para impedir que se etiqueten este tipo de alimentos con nomes que recorden á carne, como hamburguesa ou salchicha vegana, co argumento de que poden confundir ao público. Polo que parece a poboación non entende a palabra "vegano", pero non hai ningún problema coa incomprensible etiquetaxe nutricional que fai pasar como saudables artigos que non o son.

Comentarios