Opinión

Actitude

Ultimamente proliferan contidos que se presentan como de autoaxuda ou incluso de psicoloxía que parten dunha premisa que me parece sumamente perigosa: se tes unha boa actitude, acontécenche cousas boas. Algúns deles están revestidos dunha capa máis mística e postulan unha base espiritual para este principio. Dalgún xeito, o universo, o karma ou algún ente superior pode ler a túa mente e replicar na realidade o que ti produces no teu cerebro.

Se os contidos mentais son negativos, atoparás sucesos negativos na túa vida. Se os teus pensamentos son positivos, maxicamente sucederán cousas que te benefician. Xeralmente, este tipo de ideas teñen ademais unha carga fortemente neoliberal: os acontecementos considerados positivos son de tipo económico e ignoran á mantenta a compoñente social e comunitaria da nosa especie. As persoas somos fortemente interdependentes unhas das outras e case todo o que nos ocorre, sexa bo ou malo, depende das accións doutros seres humanos, estean ou non relacionados con nós. Se botades unha ollada polas redes, case todo o que propoñen ten que ver con "manifestar abundancia", que non é máis ca unha forma rebuscada de dicir cartos.

Aínda é peor cando este tipo de supersticións cobran a forma de psicoloxía, ou son defendidas por profesionais desta área. Neste caso, non se fala de ningunha enerxía cósmica, senón de vontade, actitude, pensamento positivo ou calquera outra palabra que remita a termos psicolóxicos. A premisa é a mesma, que os acontecementos externos dependen do teu xeito de pensar. Isto non deixa de ser maxia ao máis puro estilo das tradicións chamánicas, nas que se atribuía algún tipo de poder sobrenatural ao pensamento ou á palabra.

É o mesmo principio que o mal de ollo, pero revestido de palabrería pseudocientífica. O peor deste enfoque é que culpabiliza as persoas que teñen a desgraza de vivir situacións adversas, dende problemas interpersoais ata explotación laboral ou incluso cousas que non teñen nada que ver coa acción humana, como padecer unha enfermidade.

Hai problemas nas nosas vidas que podemos evitar ou modificar coas nosas accións. Para iso serve a terapia psicolóxica, para axudarnos a decidir mellor ou polo menos a ser conscientes de por que facemos determinadas cousas. De aí a pensar que todo o que nos acontece depende de como nos comportemos hai un abismo.

Comentarios