Opinión

O diñeiro público e a tradución

Nas últimas semanas asistimos a unha nova edición de procesos públicos de contratación de servizos de tradución nos que o único criterio de selección, ou o principal (moi por riba de todos os demais) é o económico.

 

O primeiro é o proceso de contratación do servizo de traducións a diferentes idiomas para a Fundación Cidade da Cultura. Neste proceso, xa concluído, a empresa adxudicataria presentou unha oferta económica tan baixa («baixa desproporcionada») que a Técnica de Exposicións da Fundación Cidade da Cultura de Galicia tivo que elaborar un informe ao respecto. Neste informe menciónanse aspectos que coinciden, maioritariamente, coas características habituais das axencias de servizos de tradución que hai na actualidade, tanto en Galiza como en calquera outro lugar, menos o feito de que a empresa estea xestionada por nativos en lingua inglesa e que foron adxudicatarias dunha licitación realizada polo Ministerio da Presidencia.

 

O segundo é unha contratación menor na que o Servizo do Libro e Publicacións da Xunta establece un límite máximo para a solicitude de orzamentos que está moi por debaixo da media do mercado. Neste prego non se fai NINGUNHA mención ás cualificacións nin experiencia da persoa que presenta o orzamento, unicamente se menciona o prezo máximo e o prazo de entrega. O prazo de entrega, por axustado, tampouco parece indicar que a calidade final do traballo poida quedar garantida.

 

A nós, como AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación), preocúpanos que as institucións públicas vexan a tradución como un servizo que pode realizar calquera persoa con calquera cualificación, mentres o prezo que reciba por realizar o seu traballo sexa baixo.

 

Estes non son casos illados, en moitas ocasións a AGPTI se ten dirixido a diversas institucións polo mesmo motivo. Se cadra, o máis rechamante é o das licitacións da tradución e interpretación no sistema da xustiza. As persoas que reciben o servizo nese caso, en moitas ocasións, son as destinatarias da xustiza gratuíta, e é obvio que neses contextos a calidade do traballo é fundamental. Coñécense casos nos que os propios xuíces e xuízas ou os propios avogados teñen que suplir as carencias das persoas enviadas polas empresas adxudicatarias (pagadas co diñeiro de todos e todas) por falta de capacidade ou calidade. As intérpretes profesionais non adoitan aceptar os prezos cos que se gañan esas licitacións, que son coñecidos por estaren ridiculamente por debaixo dos prezos do mercado, a pesar da gran responsabilidade que implican estes traballos.

 

Asociacións como a nosa son chamadas a participar noutros procesos de resolución de axudas e subvencións, polo que consideramos que sería moi sinxelo facer algo semellante para outros procesos deste tipo, co obxectivo de garantirmos uns criterios mínimos de calidade. Negámonos a crer que a nosa administración queira publicar uns textos, que levarán o seu logotipo e o doutras institucións, que non estean traducidos cunha calidade axeitada, ou que as persoas estranxeiras que acudan á Cidade da Cultura teñan motivos para pensar que a administración galega non respecta a súa lingua nin o traballo das persoas que se dedican a comunicar culturas.

 

Desde a AGPTI solicitamos que a administración tome en serio o traballo dos e as profesionais, que facilite a incorporación ao mercado de traballo dos novos graduados e graduadas e que non contribúa á nosa precariedade laboral.

 

Comentarios