Opinión

A trindade proibida: colapso, decrecimento e equidade

Todos os povos do mundo teñen un mito da Caída. Aos cristiáns aprendéronos que o noso pecado orixinal, que pagamos coa morte, causouno Eva ao lle dar de comer a Adán a mazá da árvore prohibida. A mazá do mar morto que no mito de Tántalo muda en cinza nada mais tocala. Tántalo viviu un tempo de tremores e terremotos, os pantanos mudaron en lagos e Troia ficou asolagada so das augas. Coa mudanza climática, o derretemento dos polos e a conseguinte subida dos oceanos, este mito e o do dioivo universal cobran figuranza real. E aí temos o mítico Tántalo anguriado, coa auga ao pescozo, asomando entre a enramada de froitos, morrendo de sede e atrapado sen os poder comer. Os froitos abondosos e inaccesíveis como castigo. Unha alegoría do destino que agarda aos ricos e avaros. As moreas de vivendas desocupadas e as persoas sen teito. Os alimentos que se queiman ou desbotan e as persoas a morrer de fame...Novos Tántalos!

A sociedade do progreso como crecimento ilimitado deulle as costas ao mito da caída porque creou urbes tan ateigadas de cemento e luzes  que nos fixeron esquecer as lúas. O devalar da triple deusa co ritmo das marés ou, como di Pedraio en Devalar, coa rolda das sazóns.

Aí temos o mítico Tántalo anguriado, coa auga ao pescozo, asomando entre a enramada de froitos, morrendo de sede e atrapado sen os poder comer

A lúa minguante, outoniza, Adrastea, a vella do outono, do fin do ano, a Némesis do freixo que produce a choiva tan agardada pola terra enxoita! Porén, démoslle as costas ás sombras, ao devalar obrigado para volver ao avalo. A sociedade do crecemento infindo é unha loucura, un manicomio da Xigantomaquia. Unha elefantiase de Titáns e Cíclopes autodestructivos e isolados. Porque no ritmo do mundo é preciso o devalo, a caída. Sísifo fora condeado polos deuses a subir a un outeiro unha grande pedra tan esférica como o noso planeta para deixala caer de novo, completando un ciclo como a lúa, o sol, e os demais astros. Nunha repetición cíclica, non automática do proceso da vida. E ata a chegada do progreso co maquinismo e a Revolución Industrial, estavamos, por forza  unidos a ese ritmo natural de avalo e devalo. De sístole e diástole que vencella o alento do mar e da lúa co pulsar do noso corazón. A Tammuz matouno un xabarín, como a Osiris, a Zeus e ao heroi irlandés Diarmuid. Era un porco con cairos en feitío de media lúa, como a deusa das colleitas. Mais cando se dividiu ao ano, a metade luminosa rexeuna o deus sagro e a metade escura o seu sucesor e rival disfrazado de porco bravo. O lagarto e a serpe da mitoloxía galega que tan ben estudou o etnógrafo Bouza-Brey. A matanza do porco gardava todo ese ritual de saída do lume do estío ás tebras outonizas das augas invernías. 

Era un porco con cairos en feitío de media lúa, como a deusa das colleitas

En terras dos Andrade, na Ponte do Porco, temos a lenda de Roxín Roxal, ese mozo roibo como o lume, namorado da doncela e morto polo xabarín do eterno renacer do banquete samánico.

O mundo capitalista e depredador chegou ao devalo por esgotamento dos recursos planetarios. Os fósiles de recuados tempos, o petróleo e demais carburantes non dan para mais. O esgotamento das materias primas  e unha especie cega e insaciavel... O colapso é inevitável. Un malestar repentino con perda ou non de coñecemento. Un ataque planetario que non vén dos extraterrestres, senón da propia terra que xa non dá para mais. Saturno devorando os seus fillos, a uns fillos doentes de xigantismo e cobiza desmedida.

Chegou a outonía e non queremos decrecer! Aspiramos as follas das árvores espidas e derrochamos a noite estrelada en luzes desbordadas. Coidamos que decrecer é perder tamaño ou calidade. Porque fóra da natureza, perdemos as limias, o terter que nos mantiña no xusto medio, no fiel da balanza, no equilibrio dinámico dos ciclos da vida. A balanza, ese símbolo universal da Xustiza, do xusto reparto, da partilla dos pans e os peixes. A equidade da que só se fala, e só dun xeito idealista, nalgúns cursos de meditación ou nalgunhas xornadas ou foros minoritarios e minorizados polo silenzo mediático. Que tv ou radio leva a persoas que falan acreditadamente de colapso como Carlos Taibo? Que partido político dende a dereita até a esquerda incorpora esta trindade proibida? 

Que tv ou radio leva a persoas que falan acreditadamente de colapso como Carlos Taibo?

Há poucas semanas houvo en Betanzos unhas xornadas de Decrecimento e Transición, organizadas pola Asociación  Véspera de Nada, e que contou coa presenza de persoas que, desde distintos eidos, conflúen neste tabú trinitario. Economía local, bioconstrución, muda de valores...un encontro silenciado a mantenta por todos os medios de comunicación.

Porque no mundo en devalo do neoliberalismo global e depredador o mais perigoso e revolucionario é pensar e practicar o reparto equitativo que presupón  

Reduzir e Reutilizar.  Os dous R que se caen daqueloutra trindade ecolóxica que nos venderon os monxes da relixión do Consumismo. Daquela trindade da que só fica o Reciclar, e sempre que a empresa cotize en Bolsa reutilizável.

Comentarios