Opinión

De sempiternas virxindades e outros anacronismos

O livrepensador, filósofo e matemático Bertrand Russell escrebía nesa biblia dos ateos, laicos e agnósticos que se titula Por qué non son cristián:

O livrepensador, filósofo e matemático Bertrand Russell escrevía nesa biblia dos ateos, laicos e agnósticos que se titula Por qué non son cristián: Non se sabe por que o Señor fixo o corpo humano como o fixo, xa que se supón que a omnipotencia podería telo feito de xeito que non escandalizase a xente ben. Porén, pode que haxa unha boa razón. En Inglaterra houbo, dende a chegada da industria téxtil en Lancashire, unha estreita alianza entre os misioneiros e o comercio do algodón, pois os misioneiros ensinaban os selvaxes a cobrir o corpo e con elo aumentaban a demanda de prendas de algodón que enchía certos petos cristiáns. Se o corpo non tivera nada de vergoñento, o comercio téxtil tería perdido unha boa fonte de ingresos. Este exemplo, dinos sorneiro Russell, amosa que non debemos temer nunca que o espallamento da virtude diminúa os nosos beneficios.

Quen inventou o dito de a verdade núa tiña percibido unha importante relación. A nudez escandaliza a xente honrada e o mesmo sucede coa verdade.

"Hoxe asistimos, como non podía ser menos nunha destas crises cíclicas do sistema capitalista, a un recuamento abraiante da liberdade sexual e emocional, parello ao dos dereitos humanos en xeral"

Mais o cristianismo tiña relacionado o pecado co corpo e coa sexualidade xa moito antes da revolución industrial e o grande negocio colonial británico da industria téxtil! O Xardín das delicias do Bosco, con tanta abondosidade de corpos nus e de prácticas sexuais imposíveis de exhibir séculos despois, evidencia que a represión cristiana da sexualidade tivo as súas fluctuacións segundo os países e os intres históricos. 

Hoxe asistimos, como non podía ser menos nunha destas crises cíclicas do sistema capitalista, a un recuamento abraiante da liberdade sexual e emocional, parello ao dos dereitos humanos en xeral. Cada día vemos pola interrede novos ataques á livre moral das persoas por aqueles que se toman o dereito, sen que nós llelo deamos, de meterse no noso leito e nas nosas emocións. Dende a lei Wert nas escolas até as catequeses pasando pola intromisión política na moral social de quen nin somos practicantes nin menores de idade. Non contentos con elaborar o curriculum do ensino moral e incluso doutras materias e prácticas escolares como segregar escolas en función do xénero, danse agora á orxía de ampliar o seu poder, aliados co trono e a dereita máis resesa dos últimos tempos e valéndose da facilidade de meter hoxe medo.

Así, estes días un don Sempiterno, bispo de Sevilla, en declaracións a unha cadea de radio do seu copo divino, confirma que aquelas parellas que queiran casar polo altar deberán acreditar a súa virxindade. Están a procurar aínda os posíveis métodos de avaliación virxinal, disque.

Há xente que xa leva o sino no apelido como é o caso deste bispo. Porque sempiterno é sempre eterno, o que non muda. Isto é, algo así como o inmobilismo da morte. A vida é un proceso, mentres que a morte é un estado. E a igrexa católica leva ancorada no inmobilismo intolerante tanatocrático de imporlle a toda a sociedade laica a súa particular e daniña moral relixiosa dende que eliminaron as derradeiras comunidades cristianas livres medievais. 

Agardamos que alguén faga un fondo estudo das doenzas mentais que a moral cristiá ten causado e segue a causar pola súa concepción inmaculada, misóxina e irracional da sexualidade e do seu templo, o corpo. Os psiquiatras independentes moralmente poderían acreditar mellor ca min. Freud no século XIX e a súa escola foron os primeiros en pescudar neste eido.

"A moral cristiana, como apuntaba ao principio deste artigo Russell, non é cuestión de fe, nin de salvación, nin de mellorar a vida humana, senón cuestión de caixa rexistradora"

De calquera maneira, como a moral cristiana é totalmente irracional non vale de nada que a combatamos con razóns de peso ou verdades de caixón porque eles sempre alegarán a fe e meterán medo nas xentes pola porta traseira. Porque a moral cristiana, como apuntaba ao principio deste artigo Russell, non é cuestión de fe, nin de salvación, nin de mellorar a vida humana, senón cuestión de caixa rexistradora. O Vaticano é un aparello de moito século de dios, a multinacional vangardista do planeta. Son expertos en finanzas e saben da subida e baixada da bolsa e da cotizacións un mundo (e terreal anque non sexa de acó o seu reino).

O medo e a infelicidade humana é un negocio para o consumismo no que alicerza o sistema económico actual. A xente se non se relaciona ben, se non ten sexualidade boa, se non disfruta duns bos lazos emocionais...dáse ao desenfreo dos mercados como cliente sempiterno. Non há mais que se dar unha volta polos mercadiños chineses de todo a un euro para ver a cantidade de cousas-refugallo que merca a xente pobre, incluso, por combater a angustia existencial e o aillamento social á que este sistema nos ten sumetidos. Cantos vellos que viviron comunidades onde estaban integrados como persoas en aldeas aínda tranquilas onde se podía falar sen estímulos de mercado coercitivos! Cantos mozos que xa non xogan nin falan máis que polas redes andan tambén de consumismo descougado! O corpo pasou de templo a obxecto de exhibición e competitividade no mercado. E iso aumenta moito o peso do leito.

"O Vaticano é un aparello de moito século de dios, a multinacional vangardista do planeta"

Mais eu sigo intrigada por cal vai ser o criterio para certificar a virxindade ante unha morea de homes con saias, votantes do celibato, acosadores da liberdade sexual das mulleres e donos da vella moral anacrónica que seguen a inocular ás novas roladas nos seus colexios pagados con fondos públicos. Van utilizar o método xitano do pano para as mulleres por ver como anda esa membrana himeneica que sabe deus por qué, a natureza nos donou? Ou vai ser un método máis recatado e menos expeditivo? Cómo van diferenciar ás mulleres que perderon o virgo por unha caída de nenas ou aquelas que fixeron cirurxía para o repoñer daquelas que maculadísimas de pracer gratuíto e sen anel disfrutaron das infindas delicias do corpo e do espírito matendo só impoluta esa membrana? E, sobor de todo, qué método vai recomendar para os homes o papa Francisco que pasa por ser un papa progre. Ou é que o certificado de pureza de sexo coital é só para as mulleres?

E eu que non creo nos himeneos que esixen certificar o amor e as relacións íntimas entre as persoas. Eu,que gosto de arredar o pracer do negocio, do traballo e de calquera outro intereres que non sexa o do encontro de dúas almas corporais. Eu que fun criada na nacionalcatólica escola franquista e ensináronme xusto todo o que non debería ninguén exercer, eu entrométome nesta moral católica, que nin me vai nin me vén, mentres o estado aconfesional que temos siga consentindo que a Igrexa veña a se meter no noso leito e as nosas vidas. E denuncio, para que informen ao nuncio, que levanten un muro máis outo que o de Berlín, para que esta moral demente e sexista se manteña tan lonxe da neneza e da sociedade civil como poidamos!

Anque somentes sexa por unha cuestión de saúde mental.

Comentarios