Opinión

San Fermín: a pel de touro da marca España

Cinco homes que pertence ao mesmo xénero dos que eu coñezo (anque eu négome a admitilo), cinco homo sapiens sapiens evoluídos, coma todos nós, daquel remoto simio do carballo, algúns incluso pertencentes ás forzas de seguridade do Estado, con nouturnidade e alevosía, colleron a unha moza pola forza, metérona nun portal e violárona entrementres un filmaba co móvil a proeza. Foron de caza. Eu sentiríame máis segura entre os gorilas de montaña se non estiveran a exterminalos os mesmos portadores destes valores esquilmadores de todo ser vivo.

Algúns din que é o lado escuro do San Fermín e fican ao seu como se tal cousa. Para min é o lado nidio. Correr diante ou detrás dun touro para o encerrar e abusar por abusar do animal non ten máis interese que botar unha cabra dun campanario ou botarlle lume nos cornos ou alancear ao touro de Tordesillas. Se non fora inmerecido para os animais calificaríao de animalada. Mais non é o meu estilo. Non falarei dunha festa que endexamais poderei enxergar dende a nazón das vacas, mais sei que, por desgracia, este non é un feito aillado nesta maldita pel de touro chamada España onde o touro de Osborne, no outeiro das autoestradas, é todo un símbolo do louvado matador.

Algúns din que é o lado escuro do San Fermín e fican ao seu como se tal cousa. Para min é o lado nidio

Que fai que cinco homes vaian aos Sanfermines incluíndo na xolda a caza da muller e a apropiación violenta dela con esa amósega engadida de exhibicionismo e frieza dunha filmación para inmortalizar un acto tan humillante para a nosa especie? A violación ou calquera outro abuso sexual non é un acto de sexualidade, senón de abuso de poder, cando máis se, como neste caso, é cometido por 5 homes contra unha soa muller. Que clase de persoa pode disfrutar desta atrocidade? Que ser humano é quen de ir a unhas festas e confabular cos seus amigos a caza e disfrute pola forza dunha muller? Pois, anque a sociedade non queira recoñecelo, homes normais que van ao seu traballo (incluso con porra e pistola) todos os días e mercan o carro e a vivenda á moda, teñen familia e pagan os seus impostos e celebran con luceciñas e bos desexos todos os anos polo Nadal! Homes educados na sociedade do éxito pola forza, do truco e a trampa, da violencia gratuíta e premiada. Homes que confunden un órgano do pracer, da micción e da xeración cun arma de destrucción. Homes violentos que teñen á muller en menos consideración do que o seu carro ou calquera outra das súas propiedades. Homes que levan inoculado dende nenos no seu sangue a certeza de que eles son superiores á muller, superiores a outros homes que non exercen de machos alfa. Homes que triunfan e ligan e namoran con esta imaxe de duros e violentos porque teñen de fronte tamén moitas mulleres que levan no sangue dende nenas o papel de princesiñas sumisas e dependentes que chegan a gostar destes especímenes. Son homes que non saben amar a ninguén. A duras penas chegan a coleccionistas de propiedades. Acosadores de mulleres ás que teñen por unha propiedade máis, útil para marcar o seu estatus social. 

España ten o feitío dunha pel de touro e a educación sexista segue campando ás súas anchas polas familias, as escolas, os centros comerciais, o cine, o futebol, os centros de traballo...até os xeriátricos.  As touradas, esas festas dos touros e toda esa simboloxía da marca España do matador non son máis que un xogo violento endozado con verniz cultural e abeirado coa soleira dunha tradición que mete medo. Levamos catro violacións e quince agresións sexuais nestes Sanfermines. E non é só cuestión de festa machista e de alcohol, porque a un tempo dúas mulleres xóvenes foron asasinadas en Melilla e Zaragoza, envoltas na mesma pel de touro. Excesos cotiás dunha cultura patriarcal que educa neses comportamentos e que, porén, fachendea polo mundo de progresismo e ousa dar leccións morais a países musulmáns que teñen conductas cuspidiñas. 

España ten o feitío dunha pel de touro e a educación sexista segue campando ás súas anchas

Estes cinco homes non foron educados noutro país. Son perfectos fillos desta pel de touro. O acoso empeza solermiñamente ou a toda luz nas escolas de hoxe coas nenas ben pequenas, mais tamén cos nenos distintos, cos nenos que se negan a ser machos alfa agresivos ou a rir as faenas taurinas dos xefeciños e abusóns. Estamos educando nas familias e nas escolas? Non, a escola renunciou a educar e céntrase só en ser transmisora de datos. Datos non inocuos, senón portadores duns valores arrepiantes e ancestrais.  A educación afectiva e sexual é un baleiro e, cando há, limítase á concepción dando unha visión parcial e patriarcal da sexualidade. Por riba, os medios de comunicación e as redes sociais están inzadas de sexismo e violencia. A represión faise as beiras coa violencia e desta mestura nacen monstros que actúan en manada para vencer a súa covardía, como estes cinco. Pero non en manada de lobos, que son ben máis nobres, nin xiquer de hienas que só buscan encher o bandullo para sobreviver. Non, en manadas de descerebrados seres desalmados que non chegan á categoría do touro ao que van correr porque non teñen ánima como a ten o astado!

Esta pobre rapaza aínda terá que escoitar de moitos que se teñen por xentes boas e normais que non debería ter ido ela soa, que non debía durmir no carro...que unha muller non é un home...e comentos desta fasquía que suporán engadir máis violencia á que xa sofreu e que fan arrepiar a calquera persoa igualitaria porque xustifican ao agresor e penalizan a vítima. Una vez máis escoitaremos no noso bairro a vellos e tamén a mozos de ambos sexos, (porque o sexo non é o seso) criticar daquela maneira o atrevimento dunha muller por andar soa polas rúas nouturnas de seu país onde a súa seguridade non está garantida nen polos integrantes das forzas armadas. Valerá esa moza para traballar en calquera emprego mal pagado e pola metade de soldo dun mozo. Será livre de limpar e coidar vellos e nenos ou ir ao mar, conducir camións, operar a corazón aberto ou parir e facer gratuitamente todos os labores domésticos e socioeducativos que a sociedade non remunera...valerá para todo o que esta sociedade patriarcal lle conviñer, mais nunca para sair pola noite soa ou incluso de día en lugares soedosos. Non debe ir correr por sendeiros pouco frecuentados ou pasear baixo a lúa. Moito menos sentar na barra dun bar a tomarse un cubata ou levar roupa que sexa susceptivel de espertar ao macho alfa da manada.  

Esta pobre rapaza aínda terá que escoitar de moitos que se teñen por xentes boas e normais que non debería ter ido ela soa

Independentemente do castigo polos delitos destes cinco, há algo apodrecido que apoza dende o fondo dos séculos nesta España que corta os collóns dos touros como trofeo dunha presunta virilidade que traslada ao couso humano e social. Unha virilidade obsesionada compulsivamente pola apropiación do outro e a cousificación da muller ou do home que non é macho alfa. Unha virilidade que despreza a sensibilidade e a beleza, o xogo livre do amor e o sexo. E que é quen de se excitar e sentir pracer na vexación e o sometimento pola forza. Un mundo ao que lle pon máis o poder do abuso do que a sexualidade livre.

Porque estes cinco homes dos sanfermines non son casos puntuais, excepcións da regra. Son somentes a avangarda máis incontrolável dos valores patriarcais desta sociedade do abuso dos que se erguen en xefes, permanentes ou puntuais. Unha sociedade onde as mulleres ainda temos que ser afoutas para vir andando a casa soas de madrugada ou para nos comportar livremente como fan os homes sen medo a pasar de víctimas a busconas. Unha palavra pexorativa que só ten xénero feminino, como tantas!

Estes cinco homes dos sanfermines non son casos puntuais, excepcións da regra. Son somentes a avangarda máis incontrolável dos valores patriarcais

Claro que non deveriades acreditar no que eu digo porque nen son macho ou femia alfa nen son dun país de touros. Na miña nazón só temos bois e vacas. E non adoitamos desfrutar nos encerros senón vendo as nosa marelas pacer livremente polas verdes pradeiras!

Comentarios