Opinión

Proibiron os pobres, se proibisen a pobreza!

A invisibel, a innomeável. Ela non vive no inframundo, só da terra, que alí viven as fadas e mailos trasnos. Alí também a máxica tribo dos mouros a regalar, elas peites de ouro, eles todas as cobizas humanas se danzas toda a noite no seu corro. Ela, a pobreza pasa, calada e informe por entre os nosos pasos, perante os nosos ollos.

A señora pobreza, nen casada nen nobre, a señora pobreza vive isolada e lonxe. Ao pé das nosas portas e dos nosas faenas e negocios. Amola a nosa ledicia absurda a un palmo de nós e porén, tan lonxe. A fulana pobreza proibida e contaxiosa. A indigna, que suliña as nosas eivas e chatas, as nosas segredas moinas e mentiras. A luxuria polas cousas, o apego falso, sen paixón.

Cando prenden as luzes nas vilas e cidades. Cando os máis danse á orxía dos mercados. E alumean nas fiestras as bolas, as guirnaldas e gavean noeles e magos polos balcóns, pendurados. Cando wasapean nas luzes das pantallas chacotas, brincadeiras e inútiles bos desexos como un circo sen fin e sen comezo... Ela, humilde, en silenzo, fica como unha estatua á porta de todos os excesos, á porta de todas as lúas cintilantes enfeitadas de luxos produzidos polas mans de escravos, envexa de esmoleiros e parados.

A señora pobreza, nen casada nen nobre, a señora pobreza vive isolada e lonxe. Ao pé das nosas portas e dos nosas faenas e negocios

O exército dos pobres, desarmado, alenta a duras penas, sobrevive andando beirarrúas e calzadas. Ás veces, cando se deu o día, sobe nun autocarro. As mouras luvas coas dedas rotas contan nas moedas pequenas roubadas ao tempo de ver pasar a vida, ante a ollada esguellada do condutor e as outras pupilas esguías. Porque a mísera pobreza non ten tarxeta-bus, nen ten de xoven. È luxo máis cas black, a do bus, para o pobre.

Proibiron a pobreza nas cidades e vilas. Xa o Castelao dizíao. Os pobres alonxados todo o ano, convídanse en Nadal. Todos queren sentar un pobre á mesa. Sentirse bos un día xa abonda ao ser cristián. De se pór esixentes xa non terían fieis. Benaventurados, din, porque deles é o reino dos ceos. Entre brinde e brinde e ceas de traballo e lecer resérvanse o reino da terra para eles a pospoñer sen data a xustiza social, o reparto, a partilla dos pan e os peixes.

Ai, te asusta, a pobreza, cantava xa o poeta... a carosa pobreza que pon medo, tanto medo no corazón dos homes que a agochan, espavéntaos, foxen dela como alma que levara o diaño. A pobreza irmá da dor, da friaxe, da fame, da soedade...da agonía mais ca da morte negra.

De se pór esixentes xa non terían fieis. Benaventurados, din, porque deles é o reino dos ceos

No tempo dos mercados e as fuxidas. No mundo dixital sen Dédalos nen dedos humanos. Nas vidas de ansiolíticos, calmantes, dopaminas, botox e anabolizantes. Hormonas do prazer e seres que non viven, mais funcionan. No progreso dun mundo onde as persoas son máscaras etimolóxicas que deixaron de se relacionar para interactuar, do sol á lúa, só do gran ollo do deus triangular: rende rápido e barato. No mundo postodo e prenada, a pobreza e a morte van sobradas.

A pobreza, ese burato preto que o contén todo. Proibida nas leis, na rúa só é que proíben os pobres se non teñen contrato de figurantes do belén. Leis hai, din os ricos, que os pobres protexen. Que leis nen que raios, deus dixo entre dentes. Se eu fixen tal mundo, que o demo me leve.

E foi así que excomulgaron o pobre e o poeta!

Comentarios