Opinión

Feijoes verdes planos cortados

Feijoes verdes planos cortados, Sliced flat green beans para os galegos progres ou Judías verdes planas troceadas para os galegos que portan unha harmoniosa lingua bífida ou escolmadora de segundo a quen se dirixen. Cun acento no o, un que non vén nos teclados a menos que poñas o teclado portugués. E así estou eu debruzada nos conxelados dun supermercado que me aprende a falar en trilingüe castelán, portugués e inglés, mais que ignora que eu son galega e merco na Galiza, que vén sendo un recuncho do único planeta onde cada día extinguimos unha especie e unha lingua, sen parpadexar. Un supermercado que incluso ignora que existen mazás galegas e etiquétalle Corazón de boi a eses latexos de repolo irmao só porque veñen de Alénmiño. Porque ao cruzaren a Limia xa serían etiquetados como Corazón de buey. Ao final non levo os feijoes porque resultan planos demais para min e cortados por patróns alleios e alleeiros tan avellentados e rancios que non sei cómo poden seguir verdes nin con todo o conservante do mundo. Paso de tanto sliced a estas alturas!

Entón é que me decido a pasar a ollada polo xornal do día onde vexo abraiada que unha muller foi atacada por unha fiestra ao sair co seu home do dentista no Cantón de Molins

Entón é que me decido a pasar a ollada polo xornal do día onde vexo abraiada que unha muller foi atacada por unha fiestra ao sair co seu home do dentista no Cantón de Molins, onde outrora foi derrubado aquel formoso concello de Ferrol. Unha fiestra que case defenestra nun Ferrol que non lles vale nin para restaurar. De contado penso na casa natal de Carvalho Calero, mercada polo concello, mais que segue nas mesmas ruínas de sempre. Xusto cando volven promover, por quinta vez, o Día das Letras Galegas para o escritor, investigador, profesor...de sobranceira talla que foi ninguneado pola concesión académica a aquel colaboracionista do réxime que se chamou Filgueira Valverde. Claro que Filgueiriña nen era republicano, nen participou na elaboración do Estatuto do 36, nen foi pioneiro na criación de gramáticas, normas e historias da lingua e literatura galegas anque escreveu dun Tempo e gozo eterno na narrativa medieval nun pintiparado castelán. E Carvalho Calero escrevía sospeitasamente en grafía portuguesa, o que lle asemella perigosamente a eses lusistas rexeitáveis que tanto aborrecen eses académicos tan planos e cortados ao estilo feijoes verdes conxelados de supermercado. 

Eu estou por imprimir un grande cartaz en feitío de bandeira que recolla esta certeira sentenza de Castelao (ao que soterraron no Panteón de Galegos Ilustres para que endexamais frecuentemos a súa inxente obra), un cartaz en letras doiradas sobre campo sen eucaliptos, que diga así: o galego é a forma máis antiga das linguas neolatinas de España e a primeira que acadou un pleno desenvolvimento literario. ¿Non é, pois, unha impudicia negarlle ao galego o carácter de idioma cando no se lle regatea ao castelán?.

Credes que o supermercado vaime deixar penduralo dun pau ao xeito desas bandeiras de España que locen por todo o bairro co escudo do Real Madrid e esoutras que levan o escudo do Barça? Non creio. Sei que os nacionalistas non devemos portar simboloxía. Nen pin na lapela con estrela vermella, a non ser a da cervexa. Nen camisolas Castelao reclamando unha banca e moeda propria. Nen paraugas reivindicativos. Nen pegatas de carro con distintivo GZ...Nen sequer a imaxe de Rosalía, da que nos agocharon a súa faciana prosaica e luitadora. A única simboloxía identitaria que se nos permite, e incluso aplausa, na sociedade de autómatas verdescentes é a futboleira máis fanática e degradante. A do negocio caloteiro do futebol. Porque esa é a senlleira identidade no mundo do individualismo isolacionista máis compulsivo e teledirixido. O resto das simboloxías son sospeitosas de abondosos prácidos luares e excesiva nazón de Breogán, o de Ith, non o de Riobóo. Porque hoxe a identidade das persoas e povos é un valor que cotiza en pelota. E tuda simboloxía nacionalista, maiormente a da fouce (quer a esquencida do poema de Cabanillas, quer a do avó) está proibida agás a da folla do E. nitens que ha vir a fornecer a celulosas Ence aos vivos e aos mortos do ano do mono de fogo.

Mais non há que dramatizar. Non tudo está perdido para vivirmos como galegos, con lingua e tudo!. Na contraportada do xornal vén unha nova que nos vén redimir e fará que o galego sustitúa ao esperanto como lingua universal: eis ren, o presidente da Xunta vén de promocionar a lingua entre a mocidade que non fuxiu aínda, un concurso de amor con soporte móvil polo san Valentín!

De contado penso na casa natal de Carvalho Calero, mercada polo concello, mais que segue nas mesmas ruínas de sempre

Disque o galego namora. Animan aos mozos a fazer declaracións de amor en galego! Porque o galego, para outra cousa non, mais para andar por casa si, incluso vale para o leito agora que xa se descubriu o ponto g, e cousas semellantes que espaventarían a algúns há dous días. Incluso serve o galego para a líricas panxoliñas e miñaxoias, para a poesía de amor, non a de escarnio e maldizer, non a social... A Xunta alenta o espírito rosaliano. Entendendo por tal a manipulación de Rosalía, o escurantismo da súa obra social e combativa. O galego de xogos florais para o día dos namorados. Porque o galego é a única lingua do mundo que só serve para namorar, mais non para investigar, nin para pensar, nin para a física, a economía ou as finanzas! Muito menos para campos máis serios como as matemáticas ou a termodinámica. Nin sequer vale para os topónimos que xa se tripan puramente por tripar.

Pero qué verdes planos e cortados son estes feijoes para esta pesada fabada!

Comentarios