domingo 12.07.2020

Carral: dos mártires ao pan

Ai abril, abril de lume e ferro, o mes das revolucións, a dos cravos dos irmaos de alén-miño e a de aquén, a daqueles mártires de Carral que espertaron a nazón de Breogán dun longo soño asulagado. Do 2 ao 26 de abril daquel ano de 1846, Galiza viviu vintecatro días de ilusión e progresismo, que diría Murguía, lembrando cando asistiu ao encarceramento do capitán Solís e os seus homes, fronte a San Martiño Pinario, trala fiestra da súa casa. Fanado o intento de nos ceibar das cadeas monárquicas de Isabel II e o governo autoritario e centralista do xeneral Narváez, que viña de recurtar aínda mais as xa minguadas liberdades.

Vintecatro longos días daquel abril que puido abrir a nosa soberanía e que só nos deixou un monumento que nen sequer puido chegar a republicano obelisco, e unha triste encrucillada a camiñar os Precursores e os nacionalistas dos centos de capelas, comensais dun banquete de Conxo, malfadado e condenado a se repetir século tras século. Porque aquilo que comezou o día dous en Lugo como un pronunciamento proclamando unha Xunta de Governo de Galiza, aquilo que semellava un pronunciamento liberal de tantos mudou, con Faraldo ao fronte, nunha reivindicación nacionalista que se revelaba contra o esnaquizamento de Galiza en retallos de provincias deseñadas dende a parda meseta, sen maior fundamento que unha esquadra e un cartabón.

Vintecatro longos días daquel abril que puido abrir a nosa soberanía e que só nos deixou un monumento que nen sequer puido chegar a republicano obelisco

Antolín Faraldo, aquel xornalista betanceiro (seica español para a wikipedia) de La Revolución, escrevía nos xornais as proclamas incendiarias porque daquela ainda non chegara a meirande censura da prensa que traería Afonso XIII. Aquel Abenhumeya de El Recreo Compostelano que finou esquecido en Granada sen recoller ren da sua colleita. O primeiro e mellor precursor do noso Rexurdimento. Aquel que, en tan recaudos tempos, xa falava do Reino suevo da Galiza. Aquel que cría, inocente, que a medida que a nosa nazón fora mais coñecida sería mais respetada!

Estes provincialistas defendían a unidade da Galiza como unha soa provincia, certos de que o españolismo empregava o divide e vencerás para esgotar aos galegos en luitas fratricidas entre provincias, concellos e, andando o tempo, entre equipas de futebol.

Paradoxalmente e en sendo que ningún dos mártires era galego, Solís e as súas tropas foron quen de erguer ao noso povo e criar en nós un sentimento de identidade nacional distinto aos demais povos da península, ao dizer de algúns.

O certo é que tal afouteza sería hoxe inconcebível. Lugo, Compostela, Betanzos, Ferrol...acollían con festas a estes rebeldes. Artellávanse xuntas revolucionarias ao longo do país reivindicando a unidade administrativa do Reino de Galiza disolto na reforma de 1833, a autonomía lexislativa e un sistema tributario propio. O 15 de abril constituíase en Compostela a Xunta Superior do Reino de Galiza e o 16 decretávase a anulación de todos os actos de Governo de Madrid dende o levantamento, a abolición do sistema tributario e a supresión da policía.

O 15 de abril constituíase en Compostela a Xunta Superior do Reino de Galiza e o 16 decretávase a anulación de todos os actos de Governo de Madrid

Abrollava o nacionalismo galego abeirando as esquerdas, defendendo coa palavra nos xornais e co sangue nas rúas os dereitos nacionais do povo e acaso os da fidalguía galeguista.
 
Mais tras 24 días de ilusión e progresismo, dous sabres cruzados sobor da ponte no escudo de Teo, o día 23, as tropas españolas vencen aos revolucionarios e o 26 fusilan en Carral aos mártires. Unha década despois, as Cortes do bienio progresista decláraos beneméritos da patria (da española, pois), concedéndolles a Cruz do valor e a constancia e decretando a erección dun monumento que sería também fusilado.

Procuro a pegada histórica dos mártires e só atopo A Quenlla, o poema de Aurelio Aguirre, o brinde de Pondal berrando polo povo soberano, un banquete en Conxo, outro en Bos Aires e un terceiro fanado polos mesmos anzós de sumisión a intereses españois e capelas querubínicas.

Morning Star de Xosé Miranda tralos Camiños da vida pedraianos e un abraiante blog dun tal Karkallon destinado á difusión de experiencias no campo do paranormal e o misterio en todas as súas variantes que dá en tratar o tema dos mártires como un esoterismo máis. E tampouco me pasma porque vivo nos tempos nos que na Galiza se celebra a andaluza feira de abril, ningunéase o centenario das Irmandades da Fala cun fallo do Tribunal de Xustiza contra o uso do galego e a mocidade coñece a Carral só polo pan, ese que se fía con trigo do país e formento natural. O malo é que non sabe de qué país nen de qué tipo de tomate era o Solís.

comentarios