Opinión

Peñamaría de Llano, franquista

Na cidade da Coruña aínda hai rúas con nomes franquistas. Unha delas é a que leva o nome do franquista que fora alcalde tamén, Sergio Peñamaría de Llano e que eu, desculpade a miña ignorancia, nin sabía quen era. Este descoñecemento non é casual, é consecuencia do que acontece desde a intocábel Transición. Desde o 78 padecemos á mantenta unha terríbel “Desmemoria Histórica” de todo o relacionado co Franquismo que provoca que non nos ensinen de xeito veraz nin a historia da nosa cidade nesa época escura, nin moito menos a do noso país, e a do Estado pois, malamente, como diría a outra Rosalía. 

Eu, sendo coruñesa como son, veño de decatarme a estas alturas da miña vida quen era este señor franquista que ten unha rúa co seu nome na cidade, e foi grazas á moción que presentou o BNG no pleno da Coruña recollendo a exixencia da Asociación Veciñal da Agra do Orzán, barrio onde está esta rúa, e na que se solicita a retirada das honras ao que fora alcalde, franquista, entre 1959 e 1963. Cito textualmente un extracto de dita moción: “Peñamaría de Llano participou na represión no Barco de Valdeorras, até o punto de que el propio, como oficial ao mando dunha Bandeira da Lexión, deu o tiro de graza en execucións extraxudiciais. Participou tamén en consellos de guerra que condenaron a morte a militantes do PCE.”, e: “Como alcalde da Coruña (1959-63), foi copartícipe da operación fraudulenta que permitiu ao ditador Franco facerse coa propiedade da Casa Cornide.”

Todas estas barbaridades non deberon parecerlles abondo nin ao PP nin ao PSOE para retirarlle as honras a este franquista porque ámbalas dúas formacións votaron, en amor e compañía, en contra da moción e, por conseguinte, que diría aquel, non saíu adiante. Non sorprende, por suposto, esta actitude nos populares xa que, lembremos, estamos en pleno século XXI e seguen sen condenar a Ditadura. Desta volta, ademais, os PPeiros ata ousaron levar ao pleno onde se debatía o texto da moción a familiares do franquista, que tamén se encargaran días antes de publicar un artigo nun medio coruñés loando a súa figura e que quen eran e que se crían no BNG ou na Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica para vir remexer na figura do seu avó. Hai quen loa xenocidios de hai máis de 500 anos pero se ofende cando se quere restituír a memoria das vítimas e condenar os crimes do Franquismo de hai 80.

E en canto ao PSOE, pois que dicir?, se ata este Día da Patria pasado se atreveron a enviar cazas a “fumigar” nacionalistas cas cores da súa bandeira para gozo e desfrute tamén do Presidente Feijóo. Nin Aznar chegou a tanto! A estratexia do PP fica clara con estes xestos de aproximación á ultra dereita: ten que frear a sangría de votos cara VOX e tentar recuperar as e os que xa liscaron. Agora, que votos pretende recuperar ou gañar o PSOE votando en contra de retirarlle as honras a un franquista? Haiche un cheiro tan rancio nesas filas que non sei como o van dar quitado.

Comentarios