Opinión

Raquitismo industrial galego 4.0

Día a día chegan aos nosos ollos e ouvidos palabras e nomes que parecen vir a innovar e mudalo todo, cun alento de esperanza que semella querer sacarnos deste tempo de crise, desemprego e falta de expectativas. Unha desas palabras recentes é o termo industria 4.0, é dicir, a industria intelixente desa chamada cuarta revolución industrial. Miña nai!!! Pero se eu vivía na época da desindustrialización e da deslocalización! Ou iso xa pasou pero non me enterei?! Ou se cadra era só na comarca de Ferrolterra?!

Pero este termo de revolución industrial 4.0, a verdade, é das denominacións que me provocan maior desconcerto pola difícil aplicación no noso decadente contexto, pola distancia co cotiá nas poucas industrias activas neste territorio. Escoitamos falar da suposta cuarta revolución industrial como a revolución das máquinas intelixentes, da industria intelixente e informatizada, do big data, do internet das cousas...Vaia un sinfín de denominacións lóxicas e esperables mais distantes para nós nun contorno galego fortemente desindustrializado e desestruturado produtivamente.

Mesmo na cidade de Ferrol, famosa pola súa desindustrialización, a actividade industrial representa o 13,8 no tanto por cen de persoas afiliadas á seguridade social neste sector. Estaría próxima á media das cidades galegas do 14.1 e só sería superada por Vigo cun 16.8, estando as demais cidades por baixo destas ratios, segundo os datos da EPA. É dicir, que se Ferrol representa a media da ocupación no industria galega como plasmación real, pois a verdade, non sei que industria 4.0 se vai poder aplicar! Xa que se sobreentende que para introducir melloras tecnolóxicas é necesario facer investimentos e apostas con certos prazos, compromisos e recursos. E eu non vexo nin industrias estables, nin apostas estables, nin propostas produtivas que repercutan positivamente no noso desenvolvemento. Mais ben vexo una raquítica industria bailando aos ditados das grandes corporacións e poderes.

Se a todo isto sumanos que nos informes sobre transformación dixital o Estado Español aparece en claros postos de cola, pois que lle quedará a un tecido produtivo como o galego, fortemente golpeado e sen altavoces con poder real que o defendan. O Estado estaría, por exemplo, no posto 35 no ránking mundial de transformación dixital. E por diante atoparíanse Dinamarca, Alemania, Islandia, Austria, Bélxica, Francia, Irlanda, Portugal. Neste artigo que analiza o tema o autor di: “incluso Portugal está por delante de España”; xulgade vós esa falsa superioridade dun Estado que non quere aceptar que fracasou claramente no seu papel de imperio.

En definitiva, que se os poderes que sobrevoan Galiza insisten en facernos crer que podemos vivir unha cuarta revolución industrial con este panorama, pois eu dígolles que eles si que seguen a ser uns imperialistas fracasados e que aquí tan só se podería acuñar o termo de raquitismo industrial galego 4.0.

Que nos teñen atados de pés e mans e que queremos liberdade para poder intentar industrias, culturas e proxectos para Galiza. Proxectos que miren realmente para o avance tecnolóxico e a industria comprometida co noso contorno. Pero, sobre todo, que aposten por traballar por algo que mañá non leve o vento dun sopro, ben pola malchamada deslocalización ou ben pola falsa competencia dun pesadelo chamado UE.

Comentarios