Opinión

Internet na palma da man dunha nena

A palma de man dun neno ou nena non é o lugar para dispositivos tan potentes. Esta frase atopeina entre as notas dun dos meus cadernos, xa que tiña chamado a miña atención ao reler as múltiples reportaxes que nos últimos tempos aparecen nos medios e pola rede de alerta no abuso de dispositivos conectados  por parte das máis e dos máis pequenos.

O certo é que moitos pais e nais destes ambientes de profesionais dixitais din que tendo unha alta confianza nos beneficios tecnolóxicos dos proxectos nos que traballan están seriamente preocupados e preocupadas polo desenvolvemento psicolóxico e social de nenas e nenos neste contexto. Pois eu “que non as canto ai de que a terei”, eu que non canto as lindezas de moitas destas aplicacións pois que me queda por pensar dos estragos que poden en ocasións causar os malos usos das TIC en crianzas e mesmo en persoas adultas.

En realidade, non podemos pasar a maior parte do noso tempo fronte a un dispositivo conectado e esperar o desenvolvemento dunha boa capacidade de atención. E case penso isto das persoas adultas nas súas rutinas diarias imaxinade que penso do proceso cognitivo para formar nenos e nenas con tecnoloxías que non se saben usar de xeito axeitado. Mentres tanto por aquí decidámonos a aceitar acriticamente todo canto plan dixital nos boten por riba sen metérmonos a aprender de Internet, de redes, de implicacións na educación ou de liberades de uso. E así imos chegando a un punto sen retorno de analfabetismo agudo no que nos imos metendo a cegas, abrindo unha porta a un tempo histórico de analfabetismo dixital.

Vivimos nun universo onde parece non estar en dúbida o beneficio, necesidade e mesmo obriga de usar as redes sociais, a tecnoloxía en todas as súas múltiples presentacións e até é obrigado mergullarse en burbullas de pensamento favorecidas polos poderes establecidos. Fabricantes e deseñadores desta tecnoloxía alertan e insisten sobre o pouco sensato que é o seu uso entre menores sen base de coñecemento, habilidades comunicativas e de aprendizaxe asentadas.

Logo, por que non aprendemos e vivimos este novo proceso de alfabetización coas e cos máis pequenos, aproveitando esa oportunidade única tamén para moitas persoas adultas? Por que non mudamos perspectivas no noso propio interese nunha sociedade tan cambiante, por que non actuamos con certo enfoque científico, de posta en valor do noso, de coñecemento do pasado e de mente aberta cara o futuro. Sen que sirva de precedente nisto coincido en parte con estes gurús da tecnoloxía, primeiro aprendamos a pensar e a aprender, despois coñezamos o proceso dixital de xeito integral e científico e a seguir voemos para crear algo propio e noso!

Comentarios