Opinión

Independencia Feminista Galega

Se algo poderían ter en común os movementos independentistas e feministas é a clara e necesaria defensa da propia identidade, a volta ao clan ou á tribo. Tanto é así que desde o ámbito da degradación intelectual do Estado un articulista do xornal El País publicaba en maio de 2018 un artigo que titulaba Feminismo y nacionalismo. Neste artigo argumentaba que estes dous movementos coincidían no seu carácter fundamentalista e dogmático.

Desenvolvía o argumento dicindo, por exemplo, que o nacionalismo catalán era intolerante en cuestións de política lingüística porque se unha persoa disentía era tachada de españolista. E o mesmo sinalaba este articulista sobre a reacción disque “feminista ao caso da Manada”, na que tampouco se admitía crítica porque se partía do presuposto de que se tiña razón absoluta. Un argumento un tanto absurdo e sen sentido xa que as evidencias e os datos son iso mesmo e nada máis. E do contrario ollemos a realidade das sentenzas, das condenas e dos apartheids que seguen a ser tan evidentes, que aínda orgullosas e cheas de vida polo recente 8M na Galiza non facemos máis que albiscar un futuro cheo de batallas e loitas por librar!

E se non o vedes claro botade un ollo ás redes, aos vídeos que vedes nas cafetarías, ás noticias... E ollade cal é o papel das mulleres, que representan, que imaxe se busca delas, ou mesmo mirade se aparecen en determinados contextos nos que seguimos estando vetadas como a xente de cor no máis cru racismo. Botade un ollo a eventos tecnolóxicos na Galiza, á industria galega, onde desexedes máis ou menos porque só atoparedes evidencias do delito. Consultade de paso cantas mulleres coñecedes que deixen de traballar despois de ter o primeiro ou primeira filla en Galiza, porque ronda o 50%. E cantas coñecedes que traballan en precario aquí na terra, si aínda máis en precario que eles, que bastante mal están e cos que nos solidarizamos!

E que acontecería se for o caso de que agora o feminismo sexa unha moda como foi no seu tempo o marxismo? Pois nada de nada, sinxelamente podemos coller ou non este feito como oportunidade ou podemos transitar outros camiños. Como o futuro é imposíbel de programar podemos errar ou acertar de cheo e acadar un discurso propio e noso, que abra posibilidades para un futuro mellor paras as mulleres galegas e por extensión para os nenos e nenas galegas, persoas maiores e como non tamén para os homes galegos. Porque calquera conquista acadada por unha ou un de nós en clave identitaria de dereitos e liberdades fará máis libre ao noso pobo e ás persoas que o conformamos. Logo declárome de hoxe para sempre Independentista Feminista Galega, para sumarme a esa rede que imos tecendo na historia que liberará as mentes, o país e os soños!

Comentarios