Opinión

Democradura (II): cui prodest?

Séneca en Medea facía uso desta expresión, pero adoita atribuírselle a Lucio Casio Longino. Constitúe un principio do Direito Romano e pretende ser útil na determinación da autoría dun acto que fica inatribuído: A quen beneficia?

Séneca en Medea facía uso desta expresión, pero adoita atribuírselle a Lucio Casio Longino. Constitúe un principio do Direito Romano e pretende ser útil na determinación da autoría dun acto que fica inatribuído: A quen beneficia?

É a primeira pregunta que debemos enfrontar para comezar a comprender a transformación do sistema de partidos que o PP quere realizar desde unha configuración plural e alternativa a unha configuración de partido dominante (a falta de poder impór unha de partido único, penso eu).

"O Partido Popular funciona como un instrumento de intercambio de favores a múltiplos niveis onde uns aportan os cartos, outros os votos, outros o poder e a influencia social"

Obviamente, aos primeiros que beneficia son aos centos de miles de membros das distintas redes clientelares do Partido Popular. Arestora, con toda a información disponíbel respeito dos casos Gürtel, Bárcenas e demais, resulta obvio que o Partido Popular funciona como un instrumento de intercambio de favores a múltiplos niveis onde uns aportan os cartos, outros os votos, outros o poder e a influencia social (e os contratos públicos) nun reparto desigual e hierarquizado pero moi eficaz na construción de lealdades inquebrantábeis e disciplinas xesuíticas.

Pero tamén resulta evidente que non abonda con repartir postos de emprego temporais na loita contra o lume, un dicir; contratos públicos de mais ou menos miles de euros ou salarios e sobrepagos –permítaseme a coña- entre os membros do entramado do Partido Popular.

Alguén máis ten que verse beneficiado. Certamente, as decisións e actuacións dos gobernos do PP están procurando espertar a simpatía do bloque de clases dominante coas súas extensións de negocio (privatizacións), as súas rebaixas de custos (reformas laborais e educacionais) e a súa seguridade xurídica (reforma Gallardón).

Unha mención especial merece o sector máis relevante do bloque de clases dominante: a oligarquía financeira. Os auténticos amos do país gañaron nos anos da burbulla inmobiliaria 169.281 millóns de euros, pero desde 2009 recibiron 174.000 millóns de axudas públicas. O famoso adagio ‘privatizar os beneficios, socializar as perdas’ é dunha dramática veracidade. O ano pasado o milleiro de altos diretivos das entidades financeiras recibiron conxuntamente 700 millóns en retribucións, de 2007 a 2011 os beneficios destas entidades caeron un 43,6% mentres que as retribucións a executivos aumentaran un 12,7%. Namentres, as entidades e as persoas utilizan todo tipo de argucias para contribuír ao mínimo, empregando SICAVs, filiais en paraísos fiscais, etc. Tax Justice Network calcula que hai 550.000 millóns en paraísos fiscais procedentes da España e o sindicato Gestha di que o fisco deixa de ingresar cada ano 88.000 millóns pola evasión ou ‘optimización fiscal’ (segundo a legalidade) a eses lugares. O feito que o 92% das empresas do Ibex 35 teñan filiais en paraísos fiscais, que os dous maiores bancos (BBVA e Santander) sumen 113 destas empresas ou que, grazas a Falciani, saibamos que a familia Botín tiña 2.000 millóns en Suíza, son indicadores máis que evidentes do sistema de espolio no que vivimos.

"As decisións e actuacións dos gobernos do PP están procurando espertar a simpatía do bloque de clases dominante coas súas extensións de negocio , as súas rebaixas de custos e a súa seguridade xurídica"

Eis a clave de bóveda da aposta do Partido Popular, debe demostrar que pode garantir a estabilidade política do espolio mentres as desigualdades sociais aumentan: a renda disponíbel media baixou un 10% no período 2008-2011, o paro sitúase en niveis históricos (afectando ao 50% da xente nova) e España é o segundo Estado máis desigual da Unión Europea, só superado por Lituania, segundo Eurostat. Amais, debe recuperar as simpatías da oligarquía financeira, terribelmente molesta coa xogada do resgate si ma non troppo, que entregou à troika as ferramentas de regulación do sector financeiro e, polo tanto, que lles obriga a reunirse periodicamente con representantes da troika na sé do Banco de España para recibir as correspondentes ordes, recomendacións e broncas, mais sen recibir a axuda económica asociada ao resgate.

É neste marco onde se debe e se pode interpretar o acoso mediático e xudicial à tradicional forma de xestión interna e institucional do Partido Popular, unha proba de lume para comprobar a fortaleza da aposta da dereita pola patrimonialización do poder público. De momento, o PP está a facilitar a súa reconciliación coa oligarquía. Dinámica aplicábel tanto ao PP a nivel estatal coma no ámbito autonómico.

P.S.: Os dados que aparecen no artigo están tirados da Revista Alternativas Económicas, números 1-4.

Comentarios