Opinión

Unha vella estratexia

Apuntaba esoutro día Xoán Costa moi agudamente neste Nós Diario como na linguaxe política madrileña está a substituírse a denominación de comunidades autónomas -a vixente (en teoría) na actual estruturación do Estado Español- pola de territorios. E como a opción por este nome non era casual senón que continuaba -con voltas e viravoltas- a vella liña de negar calquera autonomía  a esas comunidades, de afondar a  súa dependencia dun Madrid omnipotente, paradigma de La España Eterna, a quen deben submisión e obediencia.

A linguaxe case sempre vai envolveita nun pano que impide ver como por baixo dela hai unha visión do mundo. O xeito de nos expresarmos acocha unha transmisión de valores, unha toma de posición, unha ideoloxía. E, por veces, cando vai algo de vento, a verdade desvéndase e fica á vista.

A denominación de territorios é claramente abaixante e rebaixante. O que antigamente, cunha aquela de desprezo e de superioridade paternalista, era denominado provincias agora pasa a ser un mero espazo xeográfico, unha mera localización. Non vaia ser que tras do conflito coas nacións asome tamén (xa asomou) o das provincias e entes da España vaciada. Podería producirse unha rebelión xeneralizada. Négase, entón, que todas esas entidades - comarcas, provincias, rexións, nacións- son o que son en función dun conxunto de características que as definen: culturais, económicas, históricas, lingüísticas, etc. Non son un simple recinto, un contedor do que pode servirse a vontade quen manda sobre delas

Nesa estratexia de volta atrás coinciden a dereita e a esquerda madrileña. E, naturalmente, as persoas que -inicialmente galegas- trocan a aldea pola capital, demostrando día a día que Galiza non é o seu obxectivo senón un simple chanzo para repetir o de España lo único importante.

A cousa ven de vello, como pode lembrar moita xente. Intentouse borrar a denominación acaída de Euskadi, Catalunya e Galiza  para borrar a súa existencia nacional diferenciada. Así se intentou que a nosa terra se subsumise en El Noroeste. Mais non o lograron: a nosa consciencia, a nosa resistencia e a nosa autoorganización seguen firmes.

Este país que colonizadores e colonos queren converter en territorio siux, comanche ou apache, en reserva para os indíxenas desprazados á forza da súa patria, e alá cercalos e afogalos en whisky, está determinado a escribir a súa propia historia. A percorrer o seu propio camiño.

Comentarios