Opinión

Nin chorar nin dividir

É moita a tristura, moita a carraxe, moito o desacougo


É moita a tristura, moita a carraxe, moito o desacougo.

Outra vez a sensación de que non somos capaces de aprender, de que seguimos entangarañados por unha maldición bíblica. De que chove sobre mollado. Ou de que chimpan de novo por riba de nós ese líquido non pedido e dicimos que chove. 

A sensación de que non temos remedio. A desesperanza, a vergoña.

E mais non hai maldición bíblica ningunha: se temos unha eiva mental colectiva non é por causas sobrenaturais senón ben deste mundo. A primeira é a explotación planificada, a colonización dun país ao que lle levan roubando dende hai séculos recursos e xente para beneficio doutras terras. A segunda, a resignación sumisa e colaboradora dos colonizados, que calan ou aceptan –mesmo con entusiasmo e negación da propia identidade-  diante dos responsábeis do roubo. E, como pano de fondo, a vella guerra tribal –alimentada polo beneficiado-  na que os nativos se matan entre eles.

Desangramento e desunión.

Agora trátase de que o voto galego emigre de novo. Nada de grupo parlamentario galego Que eses nosos deputados e deputadas perdan a súa capacidade de decisión soberana disoltos no grupo de Madrid

É o vello conto dos dous mil galegos chorando por Castela adiante e dos casteláns que lles preguntan o que foi. «-¡Nos pegaron!» responden eles [léase cun esaxerado acento galego e voz choromiqueira]. «-Pues serían muchos». «Si, por lo menos veinte!». «–Y como han podido hacerlo si sois tantos?». «-¡Es que nos fueron arrodeando, arrodeando… !».

Pois agora vólvennos zoupar nos fociños. Deixarémonos «arrodear»?

Semella que non son dabondo os milleiros de galegas e  galegos que emigraron nestes poucos anos (vinte mil no último ano)  e xa se empadroaron fóra sen poderen votar no seu país. Nin votar nin, probablemente, voltar. Ou seica eles non importan? E agora trátase de que o voto galego emigre de novo. Nada de grupo parlamentario galego  Que eses nosos deputados e deputadas perdan a súa capacidade de decisión soberana disoltos no grupo de Madrid. A vella trécola de sempre, agora baixo pel «rupturista». Xa alí saben todo e deciden por nós. Nós unicamente servimos para criados, para mandadiños. Pois a min non me representan. Non podedes.

Darannos paralizado?

Porque o que verdadeiramente pretenden é que non reaccionemos mentres os seus xefes madrileños se poñen de acordo entre eles e lles transmiten a orde e a plantilla.

E que imos facer nós daquela? Chorar coma sempre ? Limitarnos a botar pestes contra dos que consideramos culpábeis?

O que verdadeiramente pretenden é que non reaccionemos mentres os seus xefes madrileños se poñen de acordo entre eles e lles transmiten a orde e a plantilla

Non, malia a dór e a indignación. Por moito que doia, por moito que alporice, por moito que farte. Non lles fagamos o xogo. Cómpre reflexión urxente e propostas. Construír. Artellar sen perda de tempo a alternativa para a representación do país no parlamento español, cun programa de reconstrución nacional como guieiro do grupo parlamentario que queremos. E pormos xa os ollos no parlamento galego, para situarmos un poder propio no goberno galego, despois da fuxida e rendición da Xunta do PP.

«Temos que salvarnos nós mesmos, o pobo traballador», lémbranos con lucidez o vello himno obreiro.

Porque nin de Madrid nin de Barcelona nin de ningures nos ha vir a salvación. Ou nos poñemos xa, unidos, ao traballo, ou a nosa extinción como pobo é inmediata.

E daquela -iso si- non volverá chover sobre mollado. Porque a nosa terra estará para sempre seca e erma. 

Morta.

Comentarios