Canta, cuco, canta cuco,
que xa cantou a bubela !
Cantan os bechiños todos
no tempo da primavera
De novo pode Galiza recuperar a presenza que endexamais debería ter perdido. E todos temos a obriga de facer o que está nas nosas mans. Para podermos estar no concerto dos pobos de primeira, dos pobos ceibes. Daqueles que o vello himno Casta dos celtas caracterizaba como os pobos libres, os pobos grandes.
Para reencamiñarmos a seiva dese agro que está a morrer. Para renovarmos ese mar fonte de vida. Para reconstruírmos e mellorarmos unha industria baseada no noso, capaz de crear traballo. Para lle darmos pulo á investigación punteira e á ciencia de calidade que se fai no país. Para acollermos o regreso da mocidade que marchou. Para potenciarmos unha lingua e unha cultura creadora e dinámica, plenamente válida no mundo actual.
Para recuperarmos a esperanza desta vella nación.
Galiza ten que gañar poder achegando esforzos e deixando vellas liortas fratricidas, nun clima de flexibilidade, de tolerancia, de colaboración. Propondo horizontes amplos e derrubando valos minifundistas.
Cantando en irmandade o chío dos paxariños garimosos.
Acompañando contenta o cant dels ocells :
Al veure despuntar (Ao veren despuntar
el major lluminar o maior alumear
en la nit més ditxosa, na noite máis ditosa,
els ocellets cantant os paxariños, a cantar,
a festejar-lo van a festexalo van
amb sa veu melindrosa coa súa voz melosa)
Espallando o alegre chilreo do aldapeko :
Aldapeko sagarraren (Da maceira da costa
adarraren puntan, na punta da póla,
puntaren puntan, na punta da punta,
txoria zegoen kantari: un paxaro estaba a cantar :
Xiru-liruli, xiru-liruli. Chirulirulí ! Chirulirulí !)
Daquela nós habemos relembrar, fachendosos e irmáns, o verso caurelao de faísca rechouchiante nos beizos de Novoneira :
No bicarelo do bico do brelo
canta o paxariño.
No mesmiño
bicarelo do bico do brelo.
No bico un cantar.
Porque –que ninguén o dubide– afianzando o noso non deixaremos de ser solidarios cos demais á hora de espaxotar a negra pantasma que quere escurecer o horizonte común.