Opinión

Soberanía

Custa comprender certas afirmacións expresadas ultimamente verbo da soberanía coma abstracción. E custan máis de comprender cando estas opinións proceden de persoas que defenden, ou defendían, a ruptura co modelo de dominación que representa o marco xurídico-político español con respecto ás nacións que o conforman. 

Custa comprender certas afirmacións expresadas ultimamente verbo da soberanía coma abstracción. E custan máis de comprender cando estas opinións proceden de persoas que defenden, ou defendían, a ruptura co modelo de dominación que representa o marco xurídico-político español con respecto ás nacións que o conforman. Certo que moitas formulacións de reclamación coma as de xustiza, liberdade, igualdade, fraternidade, etc. adoitan ter un compoñente elevado de abstracción, mais sen que isto supoña prescindir do seu potencial emancipador. Porén, de considerarmos a soberanía nos seus aspectos de facultade, potestade e poder de decisión dos pobos para autodeterminarse interna e externamente, para fornercerse dos instrumentos que lles permitan ou posibiliten erixirse en suxeitos de dereito no plano internacional, para procurar un desenvolvemento sen inxerencia ou coacción externas, a calificación de abstracción amósase moi discutíbel.

"Atribuir sinxelamente o calificativo de abstracto á reivindicación soberanista provoca certo desacougo intelectual e político".

Se o que se pretende dicir é que a demanda de soberanía, por parte dos pobos e nacións privados da mesma, non debe ser hoxe un obxectivo prioritario podemos debatir con máis claridade e honestidade sobre estratexias e radicalidades democráticas. Se o que se está a enunciar son fragmentos dun discurso posmoderno no que a soberanía se considera un trazo obsoleto nun mundo no que as nacións e os estados estarían anunciando a súa desaparición, podemos contrastar con realidades teimudas para argumentar en contrario. Se o que se  procura é deslexitimar e desprestixiar a demanda dos pobos sen estado para existiren, mentres se confirma e reafirma o estatus soberano dos xa constituídos, tamén temos elementos para nos situar no debate. Mais atribuir sinxelamente o calificativo de abstracto á reivindicación soberanista provoca certo desacougo intelectual e político.

"Ser de esquerdas concilia a loita social e nacional e negar o dereito dos pobos a procurar existir soberanamente non ten máis xustificación que a de manter, explícita ou implícitamente, un modelo de dominación tan concreto, isto si, como a emancipación que se lle enfronta".

Resulta acaído denominar abstracta a reivindicación de soberanía cando as consecuencias prácticas e concretas son tan tremendamente tanxíbeis? Porque é difícil negar que a posición dun pobo dotado de soberanía e outro con carencia da mesma non  é a mesma. Así descender ao concreto non exixe demasiado esforzo. Posuir os instrumentos  para modelar un sistema educativo, para actuar na planificación xeral da economía, para ordenar o territorio, para ter unha administración de xustiza, para oficializar unha lingua, para protexer os recursos naturais e o patrimonio cultural, para lexislar soberanamente, para… todo o que as Constitucións contemplan. Se nun mundo de relacións desiguais entre os estados é lexítimo loitar pola soberanía, que dicir logo das nacións sen a mesma? Non, a reclamación de soberanía non é algo abstracto e menos cando non se ten. As palabras de orde a prol de Palestina, do pobo saharaui, dunha Venezuela acosada ou dunha Cuba bloqueada; a prol dos pobos que a soliedariedade internacionalista acompañou durante as últimas décadas de Asia a América. Non, non son nen foron abstraccións.

Na axenda do capital a soberanía é incómoda porque constitúe un atranco á voracidade depredadora na carreira desenfrenada pola acumulación. Devoran individuos, pobos e países mentres as loitas de resistencia son concretas, ateigadas de sufrimentos e esperanzas, de carne e intelecto. E no caso español non albisco abstracción na ofensiva contra os procesos soberanistas, nin nas declaracións da Conferencia episcopal tidándoos de inmorais, nin nos posicionamentos chantaxistas da oligarquía económica, nin nas ameazas do emprego da forza. Ser de esquerdas concilia a loita social e nacional e negar o dereito dos pobos a procurar existir soberanamente non ten máis xustificación que a de manter, explícita ou implícitamente, un modelo de dominación tan concreto, isto si, como a emancipación que se lle enfronta.

Comentarios